Permitirán unha atención máis personalizada e unha maior calidade dos servizos que se prestan a este colectivo

A nova Carteira de Servizos para a Atención á Dependencia, deseñada pola Consellería de Traballo e Benestar, ampliará o modelo de atención con novos recursos en función das características de cada grao de dependencia, o que posibilitará unha atención máis personalizada ás persoas con parálise cerebral e unha maior calidade de vida dos servizos prestados a este colectivo.

A presentación desta ferramenta foi recibida con satisfacción polo colectivo de persoas con parálise cerebral, que vén recollida por primeira vez a súa especificidade no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD). Este recoñecemento supón para o colectivo, valorado nun 90% dos casos como grandes dependentes e por tanto prioritarios dentro do sistema de atención, un salto cualitativo no acceso e prestación de servizos axeitados ao seu grao de discapacidade.

As necesidades do colectivo das persoas con parálise cerebral foron transmitidas directamente ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, pola Presidenta da Federación ASPACE-Galicia, Concepción Somoza, e o presidente da Confederación nacional ASPACE, Jaume Marí, nunha reunión celebrada o pasado mes de xullo na sede do goberno autonómico.

Coa implantación deste novo modelo, Galicia será a primeira comunidade autónoma en desenvolver unha carteira específica de servizos en función de cada tipoloxía concreta de discapacidade xeradora dunha situación de dependencia. Este modelo novidoso de atención cambiará o paradigma da prestación dos servizos para as persoas con dependencia. Con esta modificación, pasarase do actual modelo, que acredita a centros, a un no que se acreditan os distintos servizos que pode prestar un centro determinado.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp