En tódolos sentidos, porque o ano pasado quedará para sempre vinculado á pandemia: 365 días nos que o virus irrumpiu como un tsunami na entidade, que, malia as dificultades e os cambios, logrou adaptarse e sacar adiante programas e proxectos

Xa está aquí a Memoria 2020 de Federación ASPACE Galicia! Un ano moi especial cun documento moi especial que dá conta de todo o acontecido nos, probablemente, 365 días máis difíciles da nosa era. A chegada do COVID-19 transformou tódolos planes e programas, pero moito é o que sucedeu na Federación ASPACE Galicia o ano pasado.

Non te perdas o saúdo da nosa presidenta, Mónica Touriño, non só porque pon o punto de inicio ao documento, senon porque as súas emotivas palabras ilustran como se viviu, e séguese vivindo, a crise sanitaria en Federación e nas entidades que a compoñen, como cambiaron de súpeto e sen avisar os obxectivos e maneiras de facer e o tremendo esforzo por adaptalos á situación que se nos veu encima.

Malia as circunstancias, Federación ASPACE Galicia mantivo o Servizo de Información e Asesoramento, con actividades nas áreas do social e o legal. Recopilación e difusión de información en materia de dependencia e discapacidade, convocatorias de axudas e subvencións, atención a familias e asesoramento legal son só algunhas das acción realizadas nesta área en 2020.

As nosas actividades de comunicación foron de vital importancia ao longo do ano pasado, non só porque continuamos coa nosa labor de visibilizar ao colectivo de persoas con parálise cerebral, senon tamén porque supuxeron un vehículo de incidencia e difusión de información relevante sobre a pandemia. Só por poñer un exemplo, ao longo de 2020, o equipo de comunicación realizou 24 contidos audiovisuais que acadaron 18.000 visualizacións e logrou un incremento significativo do seguimento das nosas redes sociais. E malia que houbo de cancelar as celebracións presenciais previstas para conmemorar os 20 anos da entidade, cumpridos en 2019, logramos producir unha emotiva peza audiovisual con todo o traballo realizado nestas dúas décadas.

Un ano de campañas moi significativas

Tamén foi un ano de campañas significativas, malia que adaptadas á “nova normalidade”, e preferentemente en formato dixital, destacando as accións “Baixo o mesmo paraugas”, co gallo do Día da Discapacidade, e a do Día Mundial da Parálise Cerebral, en octubre, que logrou converterse en trending topic.

E todo isto sen esquecer o lanzamento dun novo Boletín de Noticias que xa vai pola entrega número 16.

O Programa de Emprego e Formación tamén sufriu os embates da crise sanitaria, pero “mantivo o tipo” e conseguiu beneficiar a 98 usuarios e usuarias, tanto na acollida de demandantes de emprego, como na prospección laboral, orientación e apoio no posto de traballo. O esforzo e a dedicación produciron unha porcentaxe alentadora: 2020 foi testemuña dun 57% de inserción laboral entre as persoas usuarias deste programa que estiveron na procura activa de emprego.

Pola súa parte, as accións formativas véronse modificadas, pero se adaptaron e lograron culminar con total éxito.

Tampouco podes perderte as intervencións que realizamos en apoio ás asociacións que fan parte de Federación ASPACE Galicia, porque, con todo e formatos adaptados ás novas exixencias, prestamos un servizo que abrangueu diferentes áreas e profesionais, desde o asesoramento legal pasando pola comunicación, a formación e o fortalecemento institucional.

Pois iso, un ano inesquecible en tódolos sentidos! Tes, polo tanto, entre as túas mans, un documento que fai historia. Que o desfrutes!

Memoria 2020 Federación ASPACE Galicia (documento interactivo)

Memoria 2020 Federación ASPACE Galicia (formato pdf)

Memorias anteriores

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp