Celebrouse unha gran tómbola, houbo un mercado e todos os participantes gozaron duns petiscos e de saborosas sobremesas caseiras
A asociación Amencer-ASPACE celebrou o venres 17 de xuño a súa tradicional xornada de convivencia na que participaron máis de 80 persoas. A reunión tivo lugar no centro que a entidade ten en Pontemuiños (Pontevedra).
Entre as 10.30 e as 17.00 horas realizáronse diferentes actividades para todos os gustos: houbo un mercado permanente no que se vendían produtos elaborados polos usuarios da asociación; realizouse unha gran tómbola na que houbo premios para tódolos participantes; realizáronse diferentes xogos tradicionais; e todos os asistentes puideron degustar as saborosas sobremesas caseiras elaboradas por usuarios, traballadores, familiares e amigos.
Sobre as 12.00 horas tivo lugar a presentación da memoria fotográfica da entidade, na que se repasaron as múltiples actividades levadas a cabo polos usuarios dos tres centros dos que dispón a asociación na provincia de Pontevedra.
O mal tempo impediu que a xornada se puidese celebrar no xardín multisensorial do que dispón Amencer-ASPACE no seu centro de Pontemuiños, pero iso non impediu que o encontro fose moi ameno dentro das propias instalacións.