Máis de 80 persoas reuniranse no Xardín Multisensorial que a Asociación ten no seu Centro de Pontemuiños
A Asociación Amencer-ASPACE celebrará mañá ao longo do día a súa tradicional xornada de convivencia. Está previsto que asistan máis de 80 persoas a unha xornada que, sen dúbida será moi especial, xa que se realizará no Xardín Multisensorial do que dispón a Asociación no seu centro de Pontemuiños (Pontevedra).
A xornada iniciarase ás 10.30 horas e alongarase ata as 17.00 horas. Durante o encontro presentarase unha memoria fotográfica das actividades de tódolos centros dos que é titular Amencer-ASPACE, desenvolveranse diversas actividades lúdicas (baseadas en xogos tradicionais) e farase unha exhibición de Boccia, deporte adaptado para persoas con parálises cerebral similar a la petanca.
A xornada está aberta a todo aquel que estea interesado en participar e durante a mesma poderase gozar dunha grande tómbola, que contará con regalos doados por particulares e empresas. Pola tarde, terá lugar un concurso-degustación de sobremesas caseiras e outras sorpresas. Sen dúbida será unha xornada inesquecible para todos.