A auditoría externa destaca como puntos fortes da entidade a elevada satisfacción dos usuarios e as súas familias, e o programa de ocio, entre outros

A Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) de A Coruña renovou o seu certificado de calidade definido pola norma UNE EN ISO 9001:2008 por tres anos máis, unha vez concluída a auditoría externa realizada por AENOR a finais de outubro.

A renovación deste certificado demostra a elevada calidade dos servizos prestados pola Residencia ASPACE, que conta dende o ano 2007 con esta certificación, obtida a través dun programa de introdución á xestión de calidade promovido pola Obra Social Caixa Galicia.

ASPACE-Coruña

        No último informe da auditoría de AENOR, destácanse un amplo listado de “puntos fortes” da asociación, como o enfoque personalizado de atención ás persoas con parálise cerebral, a elevada satisfacción dos usuarios e as súas familias e o programa de ocio da residencia, entre outros. Ademais, non só se renovou o certificado de calidade por outros tres anos, senón que se ampliou o seu alcance á Residencia II (inaugurada en 2010) e á xestión do voluntariado. De feito, unha das metas máis inmediatas de ASPACE é dotar da certificación ao centro educativo e ao centro de día.

Anualmente ASPACE sométese tanto a auditorías internas (seguimento, avaliación e mellora a través de reunións de equipo, revisión do sistema pola dirección, auditorías internas e a xestión de accións preventivas e correctivas) como externas, como foi esta última, a cargo de AENOR, para renovar esta certificación. O obxectivo é comprobar que o sistema de xestión de calidade funciona e que se cumpren todos os procesos marcados referentes a servizos, persoal ou instalacións, entre outros aspectos. Este selo demostra que ASPACE persigue día con día unha finalidade: ofrecer os mellores servizos e coa maior calidade ás persoas con parálise cerebral e as súas familias.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp