Feijóo incide en que este modelo é fundamental para o traballo dos profesionais, para o coidado e a recuperación dos pacientes e para a tranquilidade dos acompañantes.

O pasado xoves, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo afirmou que Galicia continuará traballando nunha sanidade pública centrada nas persoas, no que prevalece o tratamento persoal entre profesionais da medicina e os pacientes, salvagardando a dignidade do paciente, a súa autonomía e a comunicación.

Durante a presentación da Estratexia de Humanización da atención sanitaria Cerca de ti, no Complejo Hospitalario Universitario Álvaro Cunqueiro, Feijóo subliñou que este modelo é esencial para o traballo dos profesionais, para o coidado e a recuperación de pacientes e para o tranquilidade dos acompañantes. E garantiu a plena implicación da Administración autonómica para alcanzar este obxectivo, cunha folla de ruta común para o conxunto do sistema, no que se integren os proxectos de humanización que se están a levar a cabo nos hospitais públicos galegos, co esforzo colectivo de profesionais, pacientes e entidades. Estamos orgullosos de destacar que ASPACE-Galicia colaborou na elaboración desta Estratexia.

Ao longo da súa intervención, o xefe do Executivo autonómico lembrou que xa hai moitas iniciativas que se están levando a cabo grazas ao compromiso de profesionais e outros axentes, cos que o Servizo Galego de Saúde colabora para humanizar cada vez máis a saúde pública.

Así mesmo, referiuse a outros proxectos tamén postos en marcha por profesionais sanitarios, pacientes e entidades: coma a horta que está a disposición de pacientes e acompañantes do Hospital Público de Ourense; os pequenos coches teledirixidos que teñen os nenos do hospital de Santiago e A Coruña; ou programas de voluntariado para o acompañamento en hospitais e centros de saúde.

“E habilitáronse salas de lactancia en todas as áreas sanitarias e creáronse bancos de leite materna tanto en Santiago como en Vigo, que recollen o leite de nais doadoras de varias áreas sanitarias de Galicia”, engadiu, subliñando, por outra banda, o desenvolvemento para as 7 áreas sanitarias dun proxecto de iconografía con pictograma como realidade simulada, dirixido a aqueles pacientes con trastorno do espectro autista (TELA).

Feijóo tamén destacou que o Gran Montecelo foi o primeiro hospital de España en contar con aseos adaptados para pacientes ostomizados, “e hoxe están presentes en todos os hospitais galegos”. E eloxiou a traxectoria da Comisión Galega de Estratexia contra a dor, creada en 2012 para mellorar a calidade de vida das persoas con dor e dos seus seres queridos.

Evitar desprazamentos innecesarios aos pacientes.

“Estase a traballar para evitar, sempre que sexa posible, desprazamentos innecesarios”, dixo, destacando o compromiso de que a Hospitalización a Domicilio chegaría en 2021 -nun só ano- por todo o territorio galego.

Nesta mesma liña, resaltou que o ano pasado fixéronse 3 millóns de consultas telefónicas, evitando 3 millóns de viaxes para citas presenciais. E a implantación de novas ferramentas TIC, como o modelo de control teleasistido a distancia TELEA, permite seguir e controlar a pacientes crónicos dende a Atención Primaria – nos últimos dous anos, case 2.800 pacientes de 277 centros de saúde.

É necesario destacar a utilidade da Tarxeta AA (dobre A) para facilitar a atención aos pacientes que a portan, como o caso das persoas con trastornos relacionados co espectro autista, o Alzheimer, a parálise cerebral ou a discapacidade intelectual grave asociada a trastornos de conducta ou problemas de comunicación -en total, máis de 9.500 persoas teñen esta tarxeta en Galicia-.

Ademais do compromiso no deseño dun atuendo máis respectuoso coa intimidade e o pudor das persoas hospitalizadas, á vez que permita a funcionalidade idónea. Feijóo dixo que se está traballando para que os acompañantes teñan lugares onde gardar as pertenzas durante a estancia con persoas enfermas ou onde poidan cargar os seus dispositivos electrónicos.

Para aumentar a participación cidadá no sistema sanitario, o presidente da Xunta destacou a posta en marcha do Consello Asesor do Paciente, formado por 90 asociacións de pacientes e cuxa función é asesorar ao Servizo Galego de Saúde para que se adapte o máximo posible ás necesidades dos pacientes.

Cada área sanitaria conta cun consello deste tipo, para que a xestión sanitaria esté o máis próxima posible ás persoas que fan uso dela.

Ademais de crear un repositorio de boas prácticas no campo da humanización para que as iniciativas que funcionen, inspiren a todos os profesionais sanitarios. Feijóo subliñou que para que os profesionais desenvolvan o seu traballo no mellor ambiente posible traballando, entre outras cousas, nun Plan de Igualdade, dirixido a evitar calquera tipo de discriminación laboral.

Feijóo concluíu facendo referencia á unidade de pediatría do Complexo Hospitalario Universitario Álvaro Cunqueiro como un exemplo de que os hospitais galegos están cambiando para ser centros pensados para a atención integral das persoas. Así, esta área conta con diferentes recursos non só para tratar aos máis pequenos, senón para facelos sentir o mellor posible, cun ambiente adaptado á súa idade nun momento difícil da súa vida para eles e as súas familias.

Con este obxectivo, creouse un parque de recreo con xogos para diferentes idades, mantéñense acordos con diferentes asociacións e ONG que levan entretemento a esta planta e abriuse a UCI pediátrica e neonatal para os pais as 24 horas do día. Todas estas iniciativas, sumadas ao Banco de Leite de Mama ou á Unidade de Traballo de Parto e Recuperación, son tamén elementos que ofrecen tranquilidade ás nais e pais.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp