Durante a reunión abordáronse os diferentes xeitos de colaboración entre ambas institucións para favorecer ao colectivo de persoas con parálise cerebral
Tres representantes da Federación Galega de Parálise Cerebral (ASPACE-Galicia) reuníronse esta semana coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para abordar as posibles vías de colaboración entre ambas institucións, así como outros temas de interese para o colectivo de persoas con parálise cerebral.
Os representantes da Federación ASPACE-Galicia resaltaron a importancia de habilitar a tarxeta AA para as persoas con parálise cerebral que a precisen, coa finalidade de darlles atención prioritaria nos servizos de saúde. También amosaron interese polas prestacións ortoprotésicas, que entrarán en vigor o próximo 15 de xuño.
Desde ASPACE-Galicia manifestouse preocupación polo novo sistema de reintegro de gastos ortoprotésicos. Mosquera asegurou que o prazo de reintegro será dun máximo de 60 días e, nalgúns casos, será a propia ortopedia a que reciba directamente o importe por parte da administración, evitando así que sexa o usuario quen teña que anticipalo. Diante disto, ASPACE-Galicia amosou tranquilidade con certas reservas, ata poder valorar a implantación deste novo sistema e catálogo de prestacións, e avaliar os seus resultados.
Tanto desde a Consellería de Sanidade como desde a Federación ASPACE-Galicia valoraron positivamente a reunión e amosáronse abertos ao diálogo, a analizar con detemento os cambios efectuados e a buscar novas liñas de colaboración que redunden nunha mellora na calidade de vida do colectivo de persoas con parálise cerebral.