+É o primeiro duatlón destas características que se celebra en Galicia
+O 100% da recadación destinarase ás persoas afectadas pola parálise cerebral

A Federación ASPACE-Galicia, en colaboración co Concello de Nigrán, o I Duatlón Nocturno solidario, que se celebrará o 11 de agosto, con saída dende o porto de Panxón. O duatlón, o primeiro nocturno que se realiza en Galicia a favor de persoas  con parálise cerebral, contempla as modalidades de ciclismo e carreira a pé, cun prezo de inscrición de 15 euros por persoa, que se destinará totalmente á asociación.

O percorrido do duatlón estruturarase en tres tramos, cunha primeira carreira a pé de dous quilómetros polo casco urbano, que dará paso ao percorrido en bicicleta, que terá como punto inicial de novo a praza de José Mugines, cunha distancia total de nove quilómetros. Para finalizar a proba, os deportistas deberán percorrer un último tramo a pé de cinco quilómetros que finalizará por unha carreira polo areal de Praia América e Panxón iluminado con fachos que indicarán a meta.

I Duatlón Nocturno

Ademais de ser o primeiro duatlón destas características que se celebra en Galicia, esta actividade deséñase como unha acción conxunta que suma a actividade deportiva á práctica de hábitos nocturnos saudables; “unha proba singular e diferente que persigue implicar aos veciños do municipio ademais de actuar como dinamizador turístico de Nigrán”, observou o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde. Neste sentido, o rexedor municipal sinalou o camiño de fachos que bordeará o último tramo da carreira ao seu paso pola praia, “unha homenaxe á noite das cacharelas de San Xoán e unha tradición no noso municipio”.

A actividade está dirixida a todas aquelas persoas con espírito solidario que queiran aportar o seu gran de area en favor das persoas afectadas pola parálise cerebral en Galicia. O duatlón desenvolverase nas categorías veteranos, absoluto e juniors masculino e feminino. Todos os participantes recibirán de regalo unha camiseta e unha bolsa de corredor, e os tres primeiros clasificados medallas e premios. Ao finalizar a carreira, a organización ofrecerá a todos os participantes unha festa no Club Náutico de Panxón coa actuación do grupo “Por Placer” e unha sesión de DJ.

É a segunda ocasión na que ASPACE-Galicia e o Concello de Nigrán colaboran ao longo do presente ano coa celebración de eventos deportivos a favor das persoas con parálise cerebral en Galicia. “É a nosa responsabilidade como goberno fomentar e axudar na medida das nosas posibilidades este tipo de iniciativas solidarias e que benefician a colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade, especialmente nos tempos que vivimos”, observou o rexedor. “Para Nigrán é un orgullo contar cun evento destas características, que ademais de axudar ás persoas afectadas pola parálise cerebral supón unha oferta de lecer atractiva, diferente e única en Galicia para os nosos veciños e visitantes”, agregou.

Nesta ocasión, o I Duatlón conta tamén coa colaboración como patrocinadores do evento de Marketing Tangible, Dando Cancha, Talesport, Gadis, Coca-Cola, Frutas Nieves, Aquabona e Faro de Vigo.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp