+A carreira, máis coñecida como VIG-BAY, terá lugar o próximo domingo, 25 de marzo, entre as localidades de Vigo e Baiona
+Nesta edición, VIG-BAY e a federación ASPACE-Galicia puxeron en marcha a iniciativa Dorsal Solidario para recadar fondos para o colectivo de persoas con parálise cerebral en Galicia.

Antonio Jesús Martínez, un mozo pontevedrés afectado po parálise cerebral, será o único corredor con discapacidade que participará na popular carreira VIG-BAY, un medio maratón que une as localidades de Vigo e Baiona.

Non é a primeira vez que Antonio Jesús participa no Medio Maratón Gran Bahía de Vigo, completando con éxito os máis de 20 quilómetros que percorren a costa desde a praia de Samil ata o centro de Baiona. O deporte constitúe para el un xeito de demostrar que as persoas con discapacidade, neste caso con parálise cerebral, están capacitadas para se enfrontar aos retos que se propoñan co esforzo e os apoios precisos. “Non queremos que a sociedade nos trate dun xeito especial. Simplemente queremos que nos dean a oportunidade de demostrar todo do que somos capaces”, afirma.

Este ano o significado desta participación é especial, xa que Antonio Jesús correrá en representación de ASPACE-Galicia, da que é socio e usuario. Nesta XIII edición, a organización da carreira e ASPACE-Galicia poñen en marcha a iniciativa Dorsal Solidario, co obxectivo de recadar fondos destinados integramente a financiar programas e actividades orientados a mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con parálise cerebral en Galicia.

Un total de 44 persoas uníronse, ata este momento, a esta iniciativa solidaria, entre elas o Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda e o presidente do Grupo Vieira, Eduardo Vieira Montenegro.

A carreira celébrase o próximo domingo, 25 de marzo, a partir das 10 horas, e a saída efectuarase desde o Museo Verbum – Casa das Palabras, onde corredores de toda Galicia daranse cita para competir un ano máis neste popular medio maratón.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin