A parálise cerebral é un trastorno global da persoa consistente nunha desorde permanente e non inmutable do ton, a postura e o movemento, debido a unha lesión non progresiva no cerebro antes de que se complete o seu desenvolvemento e crecemento. Esta lesión pode xerar alteración doutras funcións superiores ou interferir no desenvolvemento do Sistema Nervioso Central (SNC).

Os trazos da parálise cerebral xeralmente admitidos son:

  • Prodúcese por unha lesión no encéfalo, o que permite establecer un diagnóstico diferencial con respecto a outros trastornos como miopatía, espiña bífida, poliomielitis, etc.
  • Esta lesión pódese producir desde o inicio da xestación ata os tres anos.
  • É irreversible e non evoluciona. Os síntomas poden cambiar ao longo da vida da persoa.
  • Os trastornos resultantes da parálises cerebral son múltiples e complexos. O máis frecuente e evidente caracterízase por alteracións na postura, ton muscular e movemento. Tamén poden asociarse trastornos sensoriais, perceptivos, cognitivos, respiratorios, epilepsia, trastornos da linguaxe, de conduta…

A parálise cerebral non se pode curar pero se a persoa afectada recibe unha atención adecuada que lle axude a mellorar os seus movementos, que lle estimule o seu desenvolvemento intelectual, que lle permita desenvolver o mellor nivel de comunicación posible e que estimule a súa relación social, poderá levar unha vida plena.