Na quinta edición deste certame o protagonista será o revolto cun vexetal como ingrediente principal

O período de inscrición, ata o próximo día 15 de outubro, está aberto a participantes das nosas entidades membro: Amencer-ASPACE, APAMP Vigo e ASPACE Coruña.

Federación ASPACE-Galicia pon en marcha a quinta edición do Concurso de Cociña “en ASPACE cociñamos xuntos”. Un certame dirixido a persoas con parálise cerebral das nosas entidades membro ( Amencer-ASPACE, APAMP Vigo e ASPACE Coruña), que ten como obxectivo premiar a mellor receita en formato tradicional e en formato triturado/ texturizado da comunidade ASPACE-Galicia.

Na edición deste ano buscamos o mellor revolto cun vexetal como ingrediente principal e un número libre de ingredientes a maiores. Cada un decide como e de que preparalo así como a maneira de presentalo e acompañalo. A creatividade, autonomía e responsabilidade das persoas con parálise cerebral foméntanse nesta actividade en familia que busca non só visibilizar as súas capacidades senón tamén promover a realización de actividades conxuntas que reforcen o vínculo afectivo entre os participantes.

O desenvolvemento do concurso levará a cabo da seguinte maneira: cada entidade realizará unha semifinal na que elixirá dous pratos gañadores, un en formato tradicional e outro en formato triturado/ texturizado. Eses dous pratos premiados en cada unha das 3 semifinais competirán na Gran Final.

A Gran Final, o próximo 5 de novembro, contará cun xurado profesional presidido por unha relevante figura da gastronomía galega, que puntuará diversos aspectos de cada receita para acabar elixindo dous gañadores, un en cada categoría (tradicional e triturado/ texturizado).

O período de inscrición aberto ata o próximo día 15, deixará paso ás semifinais que se celebrarán o próximo día 22, 24 e 28 en Vigo, Pontevedra e Coruña respectivamente.

Animámosvos a participar no certame cuxas bases podedes consultar aquí.

Solo nos queda agradecer os nosos colaboradores a súa participación no noso concurso. Sen eles non sería posible! Grazas Aceites Abril, Escuela Naval Militar, Anfaco Cecopesca, O Submarino Alta Conserva, Porto Muiños, Gadis, Galifresh, Productores de Galicia, Grupo Nove cociñeiros, La Cocina es Vida, Bolboretas no bandullo, Lago Alimentación e Xunta de Galicia – Consellería de Política Social.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp