Con motivo da conmemoración do Ano Galego da Parálise Cerebral neste 2014, ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral) organiza o 01 de decembro, unha charla informativa na Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo.
Iago Santalla e José Nores, ambos exalumnos da USC, contarán a súa experiencia vital e o seu paso pola universidade para achegar a realidade do día a día das persoas con parálise cerebral de Galicia.
A parálise cerebral é, aínda hoxe en día, unha das discapacidades máis descoñecidas pola inmensa maioría da sociedade, Un dos obxectivos primordiais de ASPACE-Galicia neste Ano Galego da Parálise Cerebral é contribuír a visibilizar e por en valor as capacidades das persoas afectadas.
A presenza do colectivo da parálise cerebral no ámbito universitario galego e nacional é escasa polo que, dende ASPACE-Galicia, preténdese a través deste ciclo de charlas – que arranca o 01 de decembro no Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado – dar a coñecer a experiencia vital de exalumnos que tiveron a oportunidade de formarse como universitarios nas tres universidades galegas.
Iago Santalla, diplomado en Educación Social, e José Nores, licenciado en Psicoloxía, serán os protagonistas desta charla informativa aberta a totalidade da comunidade universitaria e da sociedade luguesa, na que os asistentes poderán aprofundar conxuntamente na realidade dos universitarios con parálise cerebral e ser máis conscientes das súas necesidades e reivindicacións.
Este charla conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, o Campus de Lugo e a Consellería de Traballo e Benestar, entidade promotora desta iniciativa enmarcada no Ano Galego da Parálise Cerebral.