Con varios procesos selectivos de emprego público vixentes, Federación ASPACE Galicia reforza as súas iniciativas de apoio e seguimento ás persoas con parálise cerebral que aspiran a un posto de traballo na administración pública

Conscientes de que o emprego público é, tamén para as persoas con parálise cerebral, unha oportunidade de acceder a un posto de traballo estable e de calidade, o Programa de Emprego e Formación de Federación ASPACE Galicia segue apostando pola formación específica e o acompañamento de aspirantes en varias convocatorias de administracións públicas abertas.

Arestora, o Programa ten en marcha dous grupos de formación, en Vigo e Pontevedra, para dar apoio ás persoas con parálise cerebral ou patoloxía afín que se presentan ás probas de Auxiliar Subalterno reservadas a persoas con discapacidade intelectual da Diputación de Pontevedra. O prazo de inscrición para este proceso atópase pechado e as opositoras e opositores están á espera de que se publique a listaxe de admitidos e admitidas.

Ao mesmo tempo, o Programa de Emprego e Formación está acompañando ás candidatas e candidatos que farán os exames para Pinche de cociña do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e ás e os que os fixeron o pasado 24 de abril para as prazas en Servizos Xerais tamén no Sergas e reservadas a persoas con discapacidade intelectual.

Súmanse tamén as novas convocatorias que poidan xurdir do anuncio que realizou, en xaneiro do ano pasado, a administración central en relación á oferta de 424 prazas correspondentes á convocatoria de emprego público para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento da Administración do Estado de 2018 e 2019, que aíndan se atopan pendentes de ofertar. O dato supón, segundo o goberno, un 2% de prazas dispoñibles na función pública reservadas a personas que acrediten unha discapacidade intelectual.

A nosa loita polo dereito ao traballo, un exemplo de boas prácticas

O compromiso do Programa de Emprego e Formación por loitar pola inserción laboral das persoas con parálise cerebral quedará patente, o próximo 7 de maio, no I Encontro Nacional de Emprego e Parálise Cerebral, organizado por Confederación ASPACE.

Os obxectivos desta xornada son:

– Xerar unha rede de encontro de profesionais adicados á inserción laboral do colectivo de persoas con parálise cerebral dentro do Movemento ASPACE.

– Orientar e facilitar pautas ao Movemento ASPACE no desenvolvemento e posta en marcha de servizos de emprego, a través de boas prácticas e a experiencia doutras entidades membro.

– Promover en entidades ASPACE o desenvolvemento de novos servizos de emprego cun fin menos asistencial e que garanticen o desenvolvemento integral da persoa con parálise cerebral.

– Facilitarlles ferramentas relacionadas coa prospección laboral a aquelas entidades que xa traballan en servizos de emprego para á actualización e adaptación ás novas vías de acceso ao tecido empresarial.

Ángeles Lema, responsable do Programa, participará como relatora nunha mesa na que expoñerá a nosa experiencia na creación do servizo de formación e orientación, e, nel, o labor que facemos no eido da preparación de oposicións de persoas con parálise cerebral. Todo isto co obxectivo de servir de exemplo e réplica para outras entidades que estean valorando o desenvolvemento desde tipo de servizos.

Prestádelle atención á nosa sección de Actualidade, xa que vos contaremos o resultado desde Encontro.

Se necesitas contactar co Programa de Emprego e Formación de Federación ASPACE Galicia, faino no seguinte enderezo electrónico: orientacion@aspacegalicia.org ou chamando ao 986879967.

Máis información sobre o Programa de Emprego e Formación

Coñece o Programa de Emprego e Formación neste vídeo

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp