A segunda dose da vacina de Pfizer/Biotech xa chegou a algúns dos nosos centros. O proceso de inmunización avanza, pero desde Federación ASPACE Galicia pedimos tamén a introdución de certas directrices na campaña que beneficien e protexan mellor ás persoas con parálise cerebral
A finais do ano pasado publicamos na nosa web unha noticia que avanzaba o plan de vacinación fronte ao COVID-19 de Galicia, a raíz dunha reunión do Consello Asesor do Paciente da Consellería de Sanidade, á que acudimos en calidade de membro.
Na cita confirmábase a data de inicio da subministración de vacinas na nosa comunidade e o feito de que as persoas con parálise cerebral entraban dentro dos primeiros catro grupos prioritarios para o proceso de inmunización.
Arestora, a subministración avanza en centros de varias entidades ASPACE de Galicia, de modo que a última actualización amosa os seguintes datos:
– APAMP Vigo: recibiron a segunda dose o 30 de xanerio. Nestes momentos, están vacinadas 32 persoas con parálise cerebral e 54 profesionais.
– ASPACE Coruña: segunda dose subministrada o dous de febreiro, cun total de 48 persoas con parálise cerebral e 97 profesionais inmunizados/as.
Malia o progreso da campaña de vacinación, Federación ASPACE Galicia está traballando en reivindicar que algunhas directrices da mesma non benefician ás persoas con parálise cerebral da comunidade, propoñendo medidas para mellorar o acceso ás doses e a protección fronte ao virus. Está incidíndose, por exemplo, no feito de que os/as usuarios/as dos centros de día e ocupacionais, como xa se fixera en residencias, poidan vacinarse nos propios centros para evitar saídas que aumenten o risco de contaxio. As nosas reivindicacións tamén inclúen a vacinación de persoas ao cuidado de menores de 16 anos con parálise cerebral, ao non estaren aínda aprobada nestes últimos a inmunización.
Seguiremos informando a medida que teñamos máis avances e información relacionada.