A asociación acolleu onte a primeira fase eliminatoria do concurso “En ASPACE Cociñamos Xuntos” organizado por Federación ASPACE-Galicia
A Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) de A Coruña acolleu onte pola mañá a primeira fase eliminatoria do concurso “En ASPACE Cociñamos Xuntos”, unha divertida iniciativa que forma parte do Ano Galego da Parálise Cerebral e que foi organizada por ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral).
Este concurso une ao redor dos fogóns a persoas con parálise cerebral e as súas familias (pais, irmáns, …) coa meta de elaborar a mellor tortilla de Galicia. No caso de ASPACE-Coruña, o certame estivo moi axustado e finalmente, das cinco parellas participantes, gañou a formada por David e o seu pai Moisés, que gañaron o voto do xurado cunha saborosa tortilla acompañada de pemento e tomate.
Os membros do xurado (José Manuel García, condutor do programa da Radio Galega “Come e Fala” e premio nacional de xornalismo gastronómico “Álvaro Cunqueiro 2010”; Vero Nóvoa do blog A Punto Gastronómica (www.apuntogastronomica.com) e José Silva do blog Cocina y Kuchnia – Cocinando de Galicia a Polonia (cocinaykuchnia.blogspot.com.es) destacaron a gran calidade das tortillas elaboradas por tódolos participantes e a importancia de iniciativas solidarias coma esta, na que participan doando produtos as empresas Aceites Abril, Gadisa e Avega.
Trala primeira fase, agora é a quendas das familias e usuarios das asociacións APAMP (Vigo) e Amencer-ASPACE (Pontevedra). Os gañadores competirán nunha final que se celebrará no mes de outubro.