O club Padel D3 acollerá durante dúas fins de semana os partidos da proba, que conta cun cento de persoas inscritas
Máis dun cento de persoas inscribíronse na segunda proba do Circuíto de Pádel Solidario en beneficio das persoas con parálise cerebral de Galicia, que comeza mañá en Bergondo (A Coruña).
Esta competición deportiva e solidaria, que se desenvolverá as fins de semana do 9 ao 11 e do 16 ao 18 de novembro, está organizada por ASPACE-Galicia e o club Padel D3.
O obxectivo deste torneo e do circuíto de pádel solidario é recadar fondos para o financiamento dos programas e servizos que ASPACE-Galicia desenvolve para a mellora da calidade de vida do colectivo de persoas con parálise cerebral de Galicia. A competición percorrerá tamén as cidades de Pontevedra e Vigo nos próximos meses.
A entrega de premios terá lugar no Amura Café da Coruña, o sábado 17 de novembro. Os gañadores de cada categoría recibirán un trofeo, e haberá un obsequio para todos os finalistas de cada unha das catro categorías: masculina, feminina, mixta e empresas.