Once novos deseñadores presentarán as súas últimas creacións a partir das 22.00 horas no Real Club Náutico de Sanxenxo
Unir solidariedade e moda é o leit motiv da primeira edición da PBAPC 2012, a pasarela benéfica de ASPACE, organizada por esta entidade, que se celebra esta noite nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo a partir das 22.00 horas.
PBAPC 2012 conta nesta primeira edición coa colaboración de once novos deseñadores galegos que presentarán as súas últimas coleccións. Son caras novas da moda galega, comezando por Jandro Villa, mellor deseñador novo nacional en 2011, e seguindo por Alberto Neves, Antía Castro, Johny Nonage, Lara Prada, Marc Lago, Mari C. Martínez, María Abilleira, Mónica Guillán, Olaya Varela Chao e Verónica Ouro.
As entradas teñen un custo de 10 euros por persoas e a cada asistente se lle fará entrega dun bono spa para dúas persoas no Hotel Spa Vilavella, un dos patrocinadores da pasarela. Pódense adquirir as entradas na Oficina de Turismo de Sanxenxo e no propio Real Club Náutico.
Esta primeira edición conta coa colaboración do Concello de Sanxenxo, da revista Doze Magazine, Krack Zapaterías e Hotel Spa Vilavella.