Entre outros asuntos, ASPACE-Galicia solicitou o apoio do concello para presentar  a candidatura da cidade a acoller a celebración dos actos conmemorativos do Día Nacional da Parálise Cerebral en 2013

A presidenta de Federación ASPACE-Galicia, Concepción Somoza, e a xerente da entidade, Ana María Prieto, reuníronse onte co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández e a concelleira de Benestar Social, María do Carme Fouces, para presentarlles varias iniciativas que a entidade quere desenvolver na cidade en colaboración do Concello de Pontevedra.

Aumentar a visibilidade das persoas con parálise cerebral para sensibilizar á sociedade pontevedresa coa realidade deste colectivo é o principal obxectivo da batería de propostas que se trataron durante a reunión na sede do concello, entre elas a posibilidade de presentar unha candidatura para que a cidade albergue os actos conmemorativos do Día Nacional da Parálise Cerebral no ano 2013.

Este evento, que se celebra na primeira semana de outubro, está promovido pola Confederación nacional ASPACE para fortalecer o movemento asociativo, amosar as habilidades, capacidades e espírito de superación das persoas con parálise cerebral, as súas familias e voluntarios que traballan nas entidades confederadas de toda España.

O alcalde comprometeu a colaboración do Concello coa presentación da candidatura de Pontevedra como sede do Día Nacional en 2013, e puxo a disposición de ASPACE-Galicia os recursos municipais precisos para desenvolver co éxito dita iniciativa, entre eles a cesión do Pazo da Cultura como sede central deste tipo de eventos “porque esta cidade é unha das máis accesibles de España”.

A presidenta de ASPACE-Galicia tamén solicitou ao alcalde a colaboración do concello pontevedrés na organización dunha exhibición das disciplinas deportivas de boccia e slalom en cadeira de rodas e a organización dunha carreira popular na cidade.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp