Preséntase ao certame cun vídeo sobre a radio que fan os seus propios usuarios: La Radio de los Gatos

La radio de los gatos        A Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) de A Coruña pide a toda a sociedade o seu apoio para poder gañar este ano o Premio Romper Barreras, un certame organizado por Toshiba e BJ Adaptaciones que fomenta a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través do uso da tecnoloxía.

ASPACE-Coruña presentou a este premio un vídeo do programa de radio, La Radio de los Gatos, que dende hai uns meses realizan persoas con parálise cerebral da asociación. O programa, dirixido pola titora dun dos obradoiros do centro de día de ASPACE-Coruña, María Rivas, prepárano integramente un grupo de locutores formado por Gisela Galeiras, Chon Rouco, Jorge Liñares, Lucía Rodríguez, Chus Sánchez e Rocío Rey, coa colaboración dunha das logopedas da entidade, Miriam Piñeiro, que lles proporciona apoio a través de recursos alternativos para a comunicación.

“La Radio de los Gatos, que é como se chama esta iniciativa, informa cada venres durante aproximadamente quince minutos a través da megafonía do centro a todos os traballadores da asociación sobre a actualidade, con noticias, información do tempo ou o menú que se servirá ese día en ASPACE-Coruña. Tamén inclúen no programa unha sección de aniversarios, outra de consellos e incluso elaboran eles mesmos a publicidade, sempre cargada de moito humor.

Con este proxecto ASPACE-Coruña pide o apoio a todos, e sobre todo os seus votos, para acadar o premio, co que a entidade aspira a crear a súa propia emisora. O vídeo pode ser votado ata o 31 de agosto na páxina www.premiosromperbarreras.es/candidatura-colectiva.asp, premendo sobre o vídeo de La Radio de los Gatos. Contabilízase un voto por cada conta de correo electrónico. ASPACE-Coruña compite con outras 29 entidades de toda España na modalidade de categoría colectiva

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp