Os actos contaron coa presenza de numerosos profesionais das entidades

Os responsables da Área de Emprego e Formación da Federación ASPACE-Galicia (Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral) fixeron entrega nas sedes de APAMP en Vigo e de ASPACE-Coruña en Sada dos diplomas aos participantes nas diferentes accións formativas organizadas pola entidade ao longo de 2010.

Entrega de diplomas, APAMP

Un total de 18 usuarios de APAMP e oito de ASPACE-Coruña participaron nos cursos de Apoio Administrativo-Ordenanza e Word XP co obxectivo de mellorar a súa formación académica e favorecer a súa integración no mercado laboral.

“A formación representa para a nosa Federación un dos piares básicos e resulta fundamental para promover a incorporación das persoas con parálise cerebral ao mercado laboral”  afirmou Antonio Doallo, responsable do Programa de Emprego e Formación de ASPACE-Galicia.

O curso de Apoio Administrativo-Ordenanza, cunha duración de 150 horas, estivo encamiñado a formar aos usuarios de APAMP en tarefas administrativas básicas como a distribución e produción de información e documentación, a realización de operacións auxiliares de reprodución e a atención de centrais telefónicas.

Pola súa banda, os participantes no curso de Word XP obtiveron as competencias necesarias para obter e procesar información nun ordenador, empregando as funcións básicas das aplicacións informáticas de oficina para elaborar calquera tipo de documento no traballo.

Os dous cursos foron cofinanciados pola Unidade Administrativa do Fondo Social Europeo e a Fundación ONCE e coordinados por FSC Inserta e foron desenvolvidos no marco do Programa de Emprego e Formación de Federación ASPACE-Galicia.

Pensando xa nas vindeiras accións formativas para este ano, a idea de ASPACE-Galicia é continuar coa formación ligada aos novos certificados de profesionalidade e para iso agarda seguir contando coa colaboración da Fundación ONCE a través de FSC Inserta.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp