Cando a crise aperta, cando os recursos diminúen e as axudas chegan con contagotas, os responsables e traballadores de Aspace reconfórtanse cada día cos progresos dos usuarios da asociación.
Eulogio López Río. Director de ASPACE-Coruña
Por Daniel Romero. El Ideal Gallego
En Aspace téñeno claro. Pese á crise económica, o gasto en servizos sociais debería non só non reducirse, senón que habería que apostar por incrementalo.
Unha entidade como a dirixida por Eulogio López Río “xera emprego e riqueza”, o que nos tempos que corren non é cuestión baldía. Así, dende que se fundara a asociación fai máis de 30 anos, os diferentes centros non se conforman co que teñen, “porque non hai que estar nunca contento e si continuar traballando” en favor das persoas que o precisan, neste caso aquelas que sofren parálise cerebral. López Río pide por tanto un esforzo ás administracións e valora que entidades privadas tamén se interesen polo proxecto desenvolvido en Sada.
Cando a crise apreixa, cando os recursos diminúen e as axudas chegan con contagotas, os responsables e traballadores de Aspace reconfórtanse cada día cos progresos dos usuarios da asociación.
Satisfacción con moi pouco, cun sorriso, cun xesto de cariño. O director xerente do centro localizado en Sada, Eulogio López Río, destaca a importancia de recibir apoio das administracións para poder seguir avanzando en materia de servizos sociais. “Non é un gasto, é unha inversión”, asegura.
Cal é a situación actual de Aspace Coruña? Como está nestes tempos de crise?
Estamos cumprindo os obxectivos que nos propoñemos no traballo diario, que non son outros que os de atender ás persoas que acoden aquí. Pódolle confirmar que se cumpriron o 99% do plan de xestión previsto para o ano 2010.
E a previsión para 2011?
Aínda estamos empezando, pero esperemos que os proxectos que temos en estudo saian adiante pese ás dificultades derivadas da situación económica actual. Todo apunta a que imos ter que facer as cousas moi ben, xestionar moi ben, ser eficaces e eficientes.
Que tipo de proxectos teñen en mente para o presente exercicio?
Temos varios proxectos. Estamos traballando nun para a adecuación dunha infraestrutura como novo centro educativo. Actualmente Aspace xestiona tres centros. Un centro educativo con seis unidades concertadas coa Consellería de Educación, un centro de día e un centro residencial. O novo proxecto é axeitar a infraestrutura que está agora como almacén e zona deportiva e facela centro educativo.
En que situación se atopa esta idea?
Temos xa o anteproxecto, solicitamos a licenza municipal e tamén á Consellería de Educación a autorización para a construción deste novo centro.
Tería algún tipo de subvención pública?
Ben. Para este centro hai compromisos que non chegan ao total do que se estima que poida custar, pero hai axudas concedidas que son importantes. Esperemos que ao longo do ano, aínda que con dificultades, poidamos obter máis recursos para iniciar e avanzar no proxecto. A vontade da entidade é iniciar as obras o máis rápido posible. Hai xa unha axuda importante comprometida pola Deputación; tamén outra aprobada polo Consorcio das Mariñas a través de fondos europeos que se está tramitando e ademais hai contactos con administracións públicas e entidades privadas.
Que capacidade tería este centro educativo?
Será maior co que temos actualmente, porque temos solicitudes de persoas, de nenos, que precisan asistir a un centro e esperemos que os recursos que obteñamos nos permitan afrontar este novo reto.
Hai lista de espera?
Si. Tanto en idades cortas como para residencia. Actualmente hai listas de espera de persoas que solicitaron praza.
Canta xente?
Non o sei con exactitude, pero arredor de tres ou catro nenos e seis ou sete maiores para centro residencial.
Ademais desta infraestrutura, algunha iniciativa máis á vista para este 2011?
A asemblea xeral que se celebrará en marzo votará a aprobación dos estatutos dunha Fundación Tutelar, que suporía poñer un recurso máis á disposición das persoas que o precisen. Actualmente, en Aspace hai persoas tuteladas pola Funga e entendemos que temos que cubrir ese aspecto pensando tamén nos que o precisen para o futuro, algo que xa están demandando os seus familiares.
Están recibindo apoios do Concello de Sada?
Nos sempre vemos ao Concello como un aliado. Demandamos por parte de Aspace esa colaboración e ese compromiso con este centro no só aquí, senón a tódalas corporacións locais da área coruñesa (hai un principio de acordo con Culleredo para realizar alí actividades de deporte adaptado). Temos extraordinarias relacións con tódolos concellos dende fai anos, aínda que tamén sabemos das dificultades polas que están pasando hoxe en día.
En concreto, cal é a relación co goberno de Sada?
Temos unha boa relación e esperamos que esta colaboración sexa leal e sincera. Pola nosa parte entendemos que non só prestamos servizo aos que o precisan deste municipio e outras zonas, senón que tamén nestes momentos Aspace é unha entidade que está xerando emprego e riqueza e que moi directamente reverte no termo municipal de Sada.
A colaboración chegou tamén aos orzamentos municipais agora que por fin lograron aprobalos?
Si, o Concello incluíu unha partida incluso un pouco superior ao que consignara en pasados exercicios.
Algo moi positivo para vostedes.
É que debería ser así. O gasto social, ao igual que en educación e sanidade, non tería que reducirse e por iso hai que facer os esforzos precisos para incrementalos. O gasto social é un dereito que teñen aqueles que o precisan. Polo tanto, non sería un gasto das administracións, senón unha inversión para que os usuarios destes centros teñan á súa disposición aos mellores profesionais.
En calquera caso, as previsións para este ano non son boas…
Dende aquí traballamos con ilusión e esperamos que se recobre o optimismo. Seguiremos mirando cara adiante aínda que haxa xente que o ve todo negro.
Esas dificultades económicas das que fala, afectan tamén a Aspace-Coruña?
Hoxe por hoxe somos unha entidade saneada economicamente, recoñecida dentro do ámbito dos servizos sociais e no mundo da discapacidade. Unha entidade que traballa dende o rigor e a transparencia, coas contas auditadas. E sempre dende os parámetros da calidade.
Concedéronlles ademais certificados deste tipo.
Obtivemos a renovación do certificado de calidade da ISO, ampliouse á segunda residencia que temos e estamos traballando para a implantación do certificado de calidade tanto no centro residencial como no centro de día. Esperamos que no verán poidamos telos.