A postal gañadora será empregada pola Federación para felicitar o Nadal de xeito institucional
A Asociación AMENCER-ASPACE acolle unha exposición na que se recollen todas as postais de Nadal elaboradas polos usuarios da Federación ASPACE-Galicia.
Na mostra hai traballos feitos polas rapazas e rapaces de AMENCER e tamén polos usuarios e usuarias doutras asociacións membro de ASPACE-Galicia: ASPACE-Coruña, ASPACE-Lugo, APAMP e Hoy por Mañana.
A mostra, formada por 77 postais, poderá verse nos locais da asociación (Avda. Camelias s/n Pontemuiños – Lourizán) ata o xoves 9 de decembro. Esta é a segunda edición do Concurso-Exposición de Tarxetas de Nadal que organiza ASPACE-Galicia e que ten como obxectivo escoller a postal coa que a Federación felicitará as festas de xeito institucional. Para isto, todos os interesados poderán votar pola súa postal favorita e depositar a súa papeleta na urna instalada para tal fin. Todos os que desexen visitar a mostra poden facelo nas instalacións de AMENCER en horario de 8.00 a 17.00 horas.
A exposición de postais de Nadal da Federación ASPACE-Galicia xa estivo na sede de ASPACE-Coruña (Sada) e APAMP (Vigo), e logo do seu paso por AMENCER tamén se poderán ver no resto de asociacións membro da Federación Galega de Parálise Cerebral. Todas as tarxetas teñen como tema principal o Nadal e as técnicas coas que foron elaboradas son moi variadas: dende as deseñadas por ordenador ata pintadas á man ou feitas con anacos de tela.