O encontro, que tivo lugar onte en Santiago de Compostela, reuniu ás principais asociacións de atención a persoas con discapacidade de Galicia

A presidenta de Federación ASPACE-Galicia, Concepción Somoza, participou onte no Foro “Personas con Discapacidad. Capacitadas para el empleo”, organizado polo xornal El Correo Gallego e que tivo lugar no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

Neste encontro déronse cita os responsables das principais asociacións de atención a persoas con discapacidades de Galicia, así como numerosas personalidades políticas entre as que se atopaba a Conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato Otero.

O tema principal da xornada foi analizar a situación sociolaboral das persoas con discapacidade e cales son os procedementos mais eficientes de inserción e promoción laboral deste colectivo.

Durante a súa intervención, Concepción Somoza, destacou os logros acadados polo programa de emprego e formación de ASPACE-Galicia, posto en marcha no ano 2005. O programa ASPACE Co-laborare ten como misión facilitar a integración sociolaboral das persoas con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns a través de itinerarios individualizados de orientación, formación e acompañamento no posto de traballo para conseguir a súa integración no mercado laboral, mediante a prospección na empresa ordinaria.

Somoza non quixo deixar pasar a ocasión para deixar patentes cales son os problemas cos que se atopan as persoas con parálise cerebral á hora de acceder a un posto de traballo, como a escasa formación regrada e que se trata dun colectivo cunha elevada necesidade de apoio. Por todo iso, realizou un chamado á sociedade para que se conciencie da necesidade da integración nas persoas con parálise cerebral a través do emprego.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp