Durante todo o día os usuarios, socios, amigos e traballadores dos diferentes centros da asociación gozarán de múltiples actividades de lecer para celebrar o final do curso escolar
Como ven sendo habitual tódolos anos, a Asociación de Atención a la Parálisis Cerebral y Afines, Amencer-ASPACE, celebra hoxe a súa xornada de convivencia na que durante todo o día amigos, socios, traballadores e usuarios poderán gozar de xogos e diferentes actividades de lecer.
Ao longo desta xornada os seus máis de 80 usuarios poderán compartir diversas actividades na sede que Amencer-ASPACE ten en Lourizán (Pontevedra).
Pola mañá, realizouse una presentación fotográfica que recolle todos os momentos vividos durante este ano, seguida dun percorrido polo xardín temático multisensorial do que dispón a asociación, no que os participantes puideron gozar das distintas zonas temáticas do xardín, dedicadas á estimulación de cada un dos sentidos.
Xa pola tarde, toda a familia de Amencer-ASPACE compartirá unha comida, que dará paso ao Concurso – Degustación de Sobremesas caseiras e a unha tarde chea de xogos.