Mais de trescentas persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia percorreron o centro histórico de Pontevedra para apoiar así a primeira marcha sobre rodas organizada dende ASPACE-Galicia en colaboración co concello de Pontevedra

Sobre patíns, bicicletas, patinetes, cadeiras de rodas, cadeiras de bebés ou camiñando, pero todos cun mesmo obxetivo: apoiar e dar visibilidade as capacidades do colectivo de persoas con parálise cerebral así como tamén reivindicar a accesibilidade no ámbito urbano. Con este propósito, máis de trescentas persoas procedentes de toda Galicia, quixeron participar o pasado 6 de xullo na I Marcha sobre Rodas organizada dende ASPACE-Galicia en colaboración co concello de Pontevedra.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, era o encargado de dar o pistoletazo de saída a esta iniciativa solidaria que tiña como punto de partida a Avenida de Montero Ríos e que se enmarca dentro das actividades realizadas con motivo do Ano Galego da Parálise Cerebral. Victor Riobó, campión de atletismo, e Maika, usuaria de AMENCER-ASPACE, eran os encargados de guiar esta marcha sobre rodas, sendo seguidos por usuarios de todos os centros ASPACE-Galicia, representantes do programa Hefesto así como polo resto de participantes que quixeron por o seu grao de area nesta actividade reivindicativa e integradora.

Tras un pequeno percorrido polas principais rúas do casco histórico da cidade do Lérez, a marcha puña o seu punto e final na Avenida de Montero Ríos, onde Sergio González, usuario de AMENCER-ASPACE, lía un pequeno manifesto no que facía un chamamento a toda a cidadanía resaltando que “non existen dúas persoas idénticas, que cada quen ten unhas características propias, que son únicas e individuais. Da mesma forma todos temos capacidades para unhas cousas e todos temos limitacións para outras”.

Finalizada a marcha, os asistentes acercáronse ata a praza de Mugartegui para repoñer forzas, onde puideron degustar produtos tradicionais como polbo ou empanada galega. Sen dúbida, a mellor forma para dar por concluída una xornada na que, o colectivo de persoas con parálise cerebral eran os auténticos protagonistas.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp