Realizar unha enquisa será unha das accións prioritarias dentro do calendario de traballo da Rede Galega de Autoxestores con Parálise Cerebral, reunida onte nas instalacións de Amencer-ASPACE

O Centro Integral que xestiona a asociación Amencer-ASPACE en Lourizán acolleu onte, luns, a segunda reunión da Rede Galega de Autoxestores con Parálise Cerebral.

Este grupo, constituído no mes de febreiro, está formado por persoas afectadas por parálise cerebral de toda Galicia e ten como obxectivo crear un espazo común onde poder expoñer, debatir e actuar sobre aquelas cuestións que lles afectan dun modo directo na súa vida diaria.
Entre as accións que van a desenvolver nos vindeiros meses destaca a elaboración dunha enquisa para coñecer o que a sociedade sabe a cerca da parálise cerebral e das persoas afectadas, así como a súa actitude ante elas. Unha vez elaborada, esta enquisa será trasladada a centros educativos de secundaria, universidades e outras institucións públicas e privadas de toda a comunidade autónoma.

Ademais traballarán no manual “Como quero que me traten”, un documento pensado para que as persoas que entran en contacto por primeira vez cunha persoa con parálise cerebral teñan as directrices de cómo dirixirse a ela e tratala con respecto, defendendo o seu papel como cidadáns de pleno dereito.

A posta en marcha da Rede Galega de Autoxestores con Parálise Cerebral é unha das accións contempladas dentro do programa de actividades do Ano Galego da Parálise Cerebral 2014, nomeado pola Xunta de Galicia e que terá o seu acto central coa celebración do Día Mundial da Parálise Cerebral en outubro en Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp