A mostra, composta por 19 instantáneas, poderá visitarse ata o 25 de xullo
A Casa da Luz de Pontevedra acolleu a inauguración da Exposición Itinerante do V Concurso de Fotografía ASPACE, convocado pola Confederación ASPACE.
Tras percorrer, xa, varias entidades e coincidindo coa celebración do 25 aniversario de Amencer- ASPACE, Federación ASPACE- Galicia achega á cidade do Lérez esta mostra composta por un total de 19 instantáneas. As imaxes, tomadas por persoas con parálise cerebral, familiares, profesionais que traballan neste ámbito, ou voluntarios, teñen como obxectivo difundir e visibilizar a realidade das persoas con parálise cerebral.
A exposición, que nos achega a este tipo de discapacidade, nace co obxectivo de transmitir a cotidianidad do día a día das persoas con parálise cerebral, resaltando o feito de que, máis aló da súa discapacidade, a súa vida é idéntica á de calquera outra persoa.
A cita contou coa presenza de Ignacio Pérez, xerente de Federación ASPACE- Galicia; Mónica Touriño, xerente de Amencer- ASPACE e Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social, quen resaltou a importante labor que entidades como ASPACE- Galicia fan para normalizar a colectivos como o da parálise cerebral e celebrou que eles tamén participen e gocen das actividades que ofrece a cidade.
Tamén acudiron á presentación usuari@s das entidades federadas de ASPACE- Galicia, ademais de traballadores e representantes das asociacións.
O acceso á exposición é gratuíto e poderá visitarse ata o vindeiro 25 de xullo.