O Centro foi financiado pola Fundacion Barrié, Fundación Roviralta e Fundación Inocente, entre outros
Esta mañá, a asociación Amencer- ASPACE inaugurou o seu novo Centro de Desenvolvemento Neurolóxico Infantil ‘Primeiros Pasos’, co obxectivo de poder abordar a atención temperá dos nenos/as con trastornos neurológicos, atrasos madurativos, trastornos psicomotrices, déficits sensoriais, da linguaxe e a comunicación, patoloxías sen filiar ou diagnósticos sen determinar, dando un especial protagonismo á familia e introducindo as novas tecnoloxías e o xogo como método transversal nos tratamentos.
Nel, a entidade pon a disposición a experiencia de profesionais moi cualificados, e cunha ampla traxectoria e formación especializada na abordaxe de pacientes con patoloxías de orixe neurológico. Á cabeza deste equipo de profesionais estará María Bernárdez Pérez, que xa en 1995 prestou servizos de atención temperá a domicilio a través dun proxecto pioneiro en España financiado polo Ministerio de Política Social. Agora estará a coordinar ao equipo deste novo centro, achegando a súa experiencia e profesionalidade.
O concepto deste centro nace tras determinar a importancia non só da abordaxe e estimulación temperá nestes primeiros anos de vida senón tamén da necesidade de xerar espazos nos que as familias teñan un papel destacado que lles axude a canalizar as súas inquietudes, dúbidas, as súas necesidades de orientación, etc. Para iso, desde este centro, acompañaráselles en todo o proceso de desenvolvemento nesta primeira fase, de 0 a 6 anos.
O acto de inauguración do Centro, que xa puxo en marcha os seus servizos de modo piloto desde hai varios meses, contou coa presenza de diversas autoridades e profesionais dos ámbitos sanitario, educativo e social; xa que os tres ámbitos están implicados nesta primeira etapa, sendo unha das prioridades na axenda da Administración Pública nos próximos anos. Entre os asistentes atopábanse: a Concelleira de Benestar Social do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces; a Deputada Provincial Digna Rivas, a Directora Xeral de Discapacidade, Coro Piñeiro e representantes do Centro Príncipe Felipe xunto ao presidente de Amencer- ASPACE, Carlos Godoy e a xerente da mesma, Mónica Touriño.
O acto contou, ademais, cunha familia que xa está a recibir estes servizos e que achegou o seu testemuño.
Non faltaron a cítaa representantes das entidades financiadoras do proxecto. Desde Amencer- ASPACE queren agradecer o apoio e colaboración das Fundacións Barrié, Roviralta e Inocente “grazas ás cales se puideron acometer as reformas e a adquisición do equipamento e sen as que este proxecto non sería unha realidade”, afirma Mónica Touriño, xerente da asociación.