Malia que a pandemia obrigou a suspender as clases entre marzo e decembro, e a reorganizaren a metodoloxía, os/as trece alumnos/as inscritos/as conseguiron rematar a formación
Somos imparables, segundo di o noso lema, e, neste caso, non podería ter sido máis certo. A emerxencia creada polo COVID-19 supuxo un freo ao curso e unha revisión á maneira de impartir o contido para adaptalo ás normas sanitarias vixentes, pero non mermó o interés nin a motivación por adquirir tódolos coñecementos que estaban programados dende o inicio. Os/as trece estudantes inscritos/as, cunha gran capacidade de adaptación á “nova normalidade”, recibirán próximamente o seu diploma.
O curso de auxiliar de conserxe, organizado por Federación ASPACE Galicia e impartido na Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP), con sede en Vigo, organizouse ao redor de cinco módulos de coñecemento. Tres deles – Seguridade e hixiene no traballo, Servizo de Conserxería e Habilidades Sociais enfocadas ao cliente – lograron impartirse con normalidade segundo a programación ata o mes de marzo de 2020. Os dous últimos – Comunicación e arquivo, e Recepción e emisión de chamadas-, sufriron modificacións para poder adaptarse aos protocolos sanitarios en vigor, non só a nivel metodolóxico, senon tamén físico. Por unha banda, o curso pasou a impartirse de xeito semipresencial, e, por outra, divisiuse o grupo en dúas unidades formativas paralelas, unha con sede no Centro de día de APAMP e outra na residencia da mesa entidad, ambas en Vigo.
Malia os retos que supuxo o aumento da exixencia tecnológica e dixital, e a necesidade dun maior recurso humano e técnico, as clases finalizaron cumprindo os obxectivos e o programa previstos. Parabéns aos/as novos/as auxiliares de conserxe!
O curso de auxiliar de conserxe de Federación ASPACE Galicia foi posible grazas ao apoio de #InsertaEmpleo (Por Talento) de Fundación ONCE.
A iniciativa forma parte da estratexia de inserción laboral para persoas con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns que Federación ASPACE Galicia vén implementando desde 2006. Para máis información sobre o programa de orientación laboral, contacta con Ángeles Lema en orientacion@aspacegalicia.org
Se queres coñecer que máis facemos na área laboral, preme aquí.