A Escola Naval Militar de Marín acolleu esta mañá a primeira fase eliminatoria do segundo concurso de ‘En ASPACE Cociñamos Xuntos’
A Escola Naval Militar de Marín acolleu esta mañá a primeira fase eliminatoria do segundo concurso de cociña ‘En ASPACE Cociñamos Xuntos’, unha divertida iniciativa organizada por ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral).
Este concurso ten por obxectivo unir ao redor dos fogóns a persoas con parálise cerebral xunto ás súas familias (pais, irmáns…) e /ou traballadores coa meta de elaborar a mellor tosta con produtos típicos do outono, tales como champiñóns, cabaza e castañas.
No caso de Amencer- ASPACE, o certame estivo moi rifado e finalmente, das oito parellas participantes, gañou a formada por Hugo Rodríguez e a súa nai Mª del Carmen, quen recibiu unha cesta con produtos por cortesía de Conservas La Pureza.
O xurado desta semifinal estivo composto por Pablo Romeu Huelín, de Viñoteca Bagos e membro de Grupo Nove Cociñeiros (http://bit.ly/2eBCzxw) ; o Capitán do Corpo de Intendencia da Armada David Llamas García en representación da ENM e Ignacio Pérez Figueroa, xerente da Federación ASPACE- Galicia.
Os membros do xurado destacaron a gran calidade das tostas elaboradas por todos os participantes e a importancia de iniciativas solidarias como esta, na que participan doando produtos as empresas Aceites Abril, Trastrigo Obradoiro, Hifas da Terra, Akane Frutería, Ribeiro Esencia Galega e Conservas La Pureza.
Desde Federación ASPACE- Galicia queremos agradecer enormemente a implicación e colaboración das empresas colaboradoras e da Armada por cedernos as instalacións da Escola Naval Militar, para poder levar a cabo este concurso. “Iniciativas como esta serían imposibles sen o apoio de empresas e institucións. Neste caso, sorprendeunos gratamente a implicación da Escola Naval que non dubidou nin por un momento en cedernos a súa cociña e instalacións para o concurso. E non podemos esquecer o gran apoio das empresas colaboradoras, tanto cedéndonos as castañas, cogomelos, pan, etc necesarios para a elaboración das tostas, como na difusión do certame”, afirma Ignacio Pérez, xerente de ASPACE- Galicia.
Tras esta primeira fase, agora será a quenda das familias e usuarios de ASPACE- Coruña, cuxa eliminatoria terá lugar o próximo 26 de outubro. Seguiralle APAMP (Vigo) o 4 de novembro. Os gañadores das tres semifinais competirán nunha final que se celebrará o próximo 10 de novembro.