Aprobada a lei que reforma a lexislación, permite revisar as sentencias de incapacidade previas e abre a porta a unha maior autonomía e autodeterminación do colectivo
Cualificada de “histórica” por organizacións e sectores da área da discapacidade, a aprobación da lei que elimina a incapacitación xudicial das persoas con discapacidade é xa unha realidade na lexislación civil e procesal española.
A reforma abre a porta a un novo sistema baseado no apoio e o respeto á voluntade de tódalas persoas con discapacidade, que manten así a súa capacidade xurídica e ven incrementada a súa autonomía e autodeterminación.
Pasa á historia a lexislación que permitía, ata o de agora, que unha sentencia xudicial privase ás persoas de tomar as súas propias decisións por motivo de discapacidade. Garantízase, tal e como o exixe a Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de 2006, ratificada por España en 2008, a igualdade xurídica do colectivo sen restricións nin exclusións, fuxindo de “substituír” á persoa e priorizando o apoio na toma de decisións só cando sexa necesario.
Unha lei con grandes novidades
Amosamos e contamos os principais cambios que introduce a reforma:
Os principais cambios introducidos pola nova lei reflicten este espírito de respetar a capacidade de obrar das persoas con discapacidade, e optan, así, por modificar figuras xurídicas orientadas a servir de guía en aquelas cuestións que o precisen.
É por isto que desaparece a actual figura de titor, que queda restrinxida aos menores de idade en situación de desamparo ou non suxeitos a patria potestade. Tamén se eliminan a patria potestade prorrogada (ata agora aplicada a menores con discapacidade cando chegan a maioría de idade) e a patria potestade rehabilitada (no caso de fillos maiores de 18 anos que viven cós pais e son declarados en situación de discapacidade). A nova lei obriga a establecer un sistema de apoio individual e persoalizado que mellor defenda os intereses de cada persoa.
Outra modificación de gran calado é a curatela, que se desdobra en dúas modalidades para converterse na figura asistencial por excelencia dos maiores de idade no seu día a día.
– A curatela de asistencia: aplícase a persoas con suficiente capacidade cognitiva como para desenvolverse nalgúns ou en tódolos ámbitos do seu día a día. Persegue fomentar a autonomía e está enfocada no apoio en actos xurídicos da esfera patrimonial ou persoal, e na formación para poder actuar en nome propio.
– A curatela de representación: reservada para os casos nos que as personas non estean suficientemente capacitadas para tomar decisións persoais e patrimoniais. O curador ou curadora exercería unha función similar á do/a titor/a, pero respetando a voluntade da persoa, que se considera titular plena de dereitos. Este sistema quedaría reservado a casos excepcionais, e sempre deberá respetar os desexos e preferencias da persoa que necesita o apoio.
Outras medidas introducidas pola nova lei
– Garda de feito: pasa a exixirse unha autorización xudicial para as disposicións patrimoniais ou decisións persoais de gran alcance vital. A figura pode revisarse tamén para pasar a adoptarse a forma de curatela máis axeitada.
– Defensa xudicial: a defensa xudicial de personas con discapacidade limítase a supostos de necesidade, nos casos nos que existe un conflito coa persona que presta o apoio. A transmisión de bens hereditarios tamén se ve simplificada.
– Autocuratela: permite a unha persoa que prevé verse afectada por unha discapacidade cognitiva adoptar o réxime de curatela e a súas normas de funcionamento e administración con anticipación ao devandito estado, así como nomear ou excluír a futuras persoas curadoras.
– Réxime de colaboración entre a Administración de Xustiza e as organizacións do terceiro sector: acháiase o camiño cara a unha maior cooperación interdisciplinar e diálogo entre operadores xurídicos, representantes das persoas con discapacidade ou auto representantes en primeira persoa.
A reforma do sistema de incapacitacións xudiciais xa está publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) e entrará en vigor en setembro de 2021.
É importante ter en conta que a lei permite a revisión das sentencias de incapacitación previas. As persoas con capacidade modificada xudicialmente, os/as proxenitores/as que ostenten a patria potestade prorrogada ou rehabilitada, os/as titores/as, os/as curadores/as, os defensores/as xudiciais e os/as apoderados/as preventivos/as poderán solicitar, en calquera momento, que a autoridade xudicial revise as medidas establecidas con anterioridade á entrada en vigor da presente lei para adaptalas a esta. Esta revisión poderá solicitarse por titores/as e curadores/as coa primeira presentación do informe e rendición de contas posterior á entrada en vigor da presente lei. O/a xuíz/a realizará a revisión nun prazo máximo dun ano dende o momento da solicitude. Para aqueles casos nos que non existira solicitude, a revisión farase nun prazo máximo de tres anos dende a entrada en vigor da lei.
Se tes algunha dúbida, contacta con noso Servizo de Información e Asesoría Legal