ASPACE GALICIA, AUTISMO GALICIA, COGAMIDOWN GALICIAFEAFES SAÚDE MENTAL e FEGADACE veñen de recibir, xunto con outras entidades do ámbito da discapacidade, unha axuda extraordinaria coa que facer fronte ao incremento do gasto de persoal producido pola actualización do convenio colectivo polo que se rexen estas entidades de discapacidade

As entidades anteriormente relacionadas queren agradecer publicamente a culminación, a través da devandita axuda, do proceso de traballo e negociación entre as entidades de discapacidade e a Xunta de Galicia. Grazas á mesma garántese o mantemento dos servizos e programas postos en marcha para a atención ás persoas con discapacidade de Galicia.

No mes de xullo publicábase o ‘XV Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade’, polo que se rexen as relacións laborais da maioría das entidades da discapacidade de Galicia. O novo documento regulador implica, entre outras novidades, un incremento substancial nas táboas salariais que se aplica con carácter retroactivo a todas as nóminas correspondentes ao ano 2019.

A publicación do novo convenio chegou nun momento no que os orzamentos das asociacións estaban xa pechados e vinculados á execución de múltiples programas, imposibles de suprimir sen nefastas consecuencias na atención ás persoas con discapacidade de Galicia e as súas familias. Dada a vinculación destes programas tanto a convenios directos como a contratos de prazas coa Consellería de Política Social, desde as entidades da discapacidade antes relacionadas comezou un proceso de negociación conxunta coa Xunta de Galicia para procurar solucións que garantiran o mantemento de todos os servizos en marcha, así como de todos os postos de traballo.

A conclusión chegou este mes de setembro, coa dotación con 3,6 millóns de euros dunha axuda extraordinaria por parte da Xunta de Galicia. O próximo reto é a consolidación desta axuda complementaria a partir do vindeiro exercicio, dada a multiplicidade de convenios e contratos a través dos que a Consellería de Política Social contribúe ao financiamento dos recursos de atención a persoas con discapacidade e que se moven desde o concerto de prazas en servizos de atención diúrna ou residencial ata o financiamento de proxectos mediante convenios específicos.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp