Francisco Javier, con parálise cerebral e unha discapacidade do 67%, conseguiu emprego como caixeiro nun dos establecementos que a compañía Carrefour ten en Vigo

   

    A falta de ofertas de emprego para as persoas con algún tipo de discapacidade e a dificultade para acceder a un posto en igualdade de condicións impiden a súa plena integración socio-laboral, o que supón un grave contratempo xa que “a súa inserción laboral é clave para romper con estereotipos e favorecer a súa integración na sociedade”, afirma Antonio Doallo, técnico orientador de Federación ASPACE- Galicia.

Francisco Javier ten 25 anos, parálise cerebral e unha discapacidade do 67% que, ademais de psíquica e sensorialmente, aféctalle fisicamente ao brazo esquerdo; algo que non lle impide desenvolver o seu traballo como uno máis. Desde novembro do pasado ano traballa como caixeiro nun dos establecementos que a compañía Carrefour ten en Vigo. “O meu traballo é como o de calquera dos meus compañeiros. Teño que cobrar os produtos, avisar de calquera problema que poida pasar, atender aos clientes nas súas dúbidas e ao final da xornada facer o arqueo”, explica Javier.

Un dos principais problemas cos que se atopan estas persoas é a continuidade de falsos estereotipos e prexuízos sociais. Lograr que a situación mellore require derrubar barreiras e para iso é necesario incentivar e apoiar ás diferentes organizacións que traballan pola inserción laboral destes colectivos, nas diferentes áreas. O cambio débese levar a cabo desde as propias persoas con discapacidade, orientadores e o sector empresarial.

Prospección laboral

“Javier chegou ao programa de emprego de ASPACE- Galicia no 2013, despois de ver unha noticia sobre a inserción laboral doutra das nosas usuarias. Por iso a difusión e apoio a estas noticias son tan importantes”, apunta Doallo.

A Federación ASPACE- Galicia conta desde o ano 2005 cun programa de emprego orientado a favorecer a integración socio-laboral das persoas con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns a través de itinerarios individualizados de orientación, formación e acompañamento no posto de traballo necesarios para a súa incorporación ao mercado laboral. Isto realízase a través dun proceso de prospección na empresa ordinaria, é dicir, un estudo e avaliación dos diversos sectores de actividade determinando cales son as ocupacións máis demandas, así como novos xacementos de emprego a través do contacto coas empresas e axentes sociais.

O perfil de usuario atendido desde Federación ASPACE- Galicia é o dunha persoa entre 30 e 45 anos, cun grao de discapacidade superior ao 65% e que carece de título mínimo de formación. Este perfil condiciona e dificulta de maneira importante o traballo e orientación e procura de emprego. Por iso, Antonio Doallo sinala á formación en todos os ámbitos como un dos requisitos fundamentais para que estas persoas consigan un emprego, de feito “hai aproximadamente un ano Javier recibiu outra oferta de traballo en Carrefour, pero nesa ocasión non foi posible. Grazas ao traballo que realizou desde entón e á confianza que gañou, hoxe conseguiu o posto”, apunta.

Desde a súa incorporación a este servizo da entidade, Francisco Javier realizou varios cursos de formación ocupacional, obtivo un certificado de profesionalidade e conseguiu mellorar notablemente as súas habilidades. “Agora síntome máis seguro, antes estaba un pouco verde”, confesa Javier.

Desde o ano 2012, rexistrouse un aumento progresivo no número de persoas que accederon a un posto de traballo. Na actualidade, un 41% dos integrantes do programa de emprego de ASPACE- Galicia, que están en procura de emprego, conseguiron un contrato de traballo ao longo do pasado 2015.

Carrefour, una apuesta por la inclusión laboral

O compromiso de Carrefour coa sociedade non é novo. Un dos principais activos da compañía é a capacidade para xerar emprego, por iso, a integración laboral de persoas con dificultades é un obxectivo prioritario do plan de emprego da compañía e da Fundación Solidariedade Carrefour, creada en 2001 co obxectivo de canalizar e ordenar as distintas iniciativas que a compañía viña realizando no ámbito social.

Marcos Estévez, responsable de Recursos Humanos, explícanos o proceso de contratación. “Desde Carrefour traballamos con distintas entidades de persoas con algún tipo de discapacidade e agora con Federación ASPACE- Galicia. Realmente, o proceso de contratación de persoas con discapacidade non é distinto ao de calquera outro. Desde Carrefour poñémonos en contacto coas entidades para solicitar un perfil determinado de traballador que responda as necesidades que detectemos nese momento. Son elas as que nos mandan os currículos das persoas que consideran adecuadas para o posto e despois realizamos as entrevistas aos candidatos”.

Javier é, hoxe, un máis dos empregados de Carrefour. “Estou moi contento con todo. Cos meus compañeiros, o traballo, os meus xefes”, e aínda que nun futuro gustaríalle traballar en algo relacionado coa electrónica, a súa gran paixón, non dubida en darlle un “sobresaliente” á súa experiencia neste posto. Pola súa banda, desde Carrefour tamén mostran a súa satisfacción co traballo que Javier está a levar a cabo. Alicia Pandiella, responsable de Atención ao Cliente e Caixas, recoñece que “Francisco Javier cambiou moito desde o principio, en todos os aspectos. A miña valoración é moi positiva. Está a evolucionar e adaptándose. É un mozo que presta atención, que se centra no seu traballo e o trato cos clientes é moi bo”.

Federación ASPACE- Galicia continúa, así, co seu labor de facilitar e promover a total integración de persoas con parálise cerebral na sociedade, neste caso a través da inserción laboral. “Esperamos que esta relación con Carrefour poida crear máis postos de traballo, favorecendo ao noso obxectivo principal que é o de conseguir a maior inserción laboral posible dos nosos usuarios” recalca Antonio Doallo e conclúe: “esperemos que este bo facer de Carrefour sirva a outras empresas e que se animen a seguir o seu exemplo”.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp