As persoas con parálise cerebral e as súas familias, así como profesionais de entidades ASPACE, dispoñen dun servizo de asesoramento legal de Federación ASPACE Galicia que ten como finalidade orientar e dar resposta a cuestións legais
Có fin de dar resposta ás dúbidas e necesidades de carácter legal de persoas con parálise cerebral, os seus familiares ou profesionais de entidades ASPACE, Federación ASPACE Galicia conta cun servizo de asesoría xurídica cuias características desenvolvemos neste artigo:
Ámbitos de acción
1. Asesoramento e información individual para o exercicio de dereitos e cuestión legais que poidan xurdir. Comprende, entre outros, os seguintes eixos:
– Patrimonio protexido: Información sobre os trámites de constitución, requisitos e tramitación.
– Incapacitacións xudiciais: Comprensión e alcance deste sistema.
– Herdanzas: Asesoramento na aceptación e liquidación, así como na elaboración de testamentos.
2. Situacións de discriminación: primeira orientación e acompañamento ante casos de discriminación ou trato desigual que sufran, pola súa discapacidade, mulleres e os homes con parálise cerebral, as súas familias e as entidades.
3. Casos de violencia: Asesoramento legal e acompañamento ante situacións de abuso ou malos tratos sufridos por mulleres e homes con parálise cerebral.
4. Formación e divulgación: Creación de informes xurídicos, materiais e sesións informativas sobre temas de interese para o noso colectivo. Visibilización e incidencia política, asegurando o acceso á xustiza en condicións de igualdade.
Solicitude do servizo
O acceso a este servizo realizarase preferentemente a través das traballadoras sociais da entidade de referencia da persona con parálise cerebral e a súa familia, ou directamente polo ou pola profesional.
Unha vez recibida a consulta, poñerémonos en contacto coa persoa solicitante o antes posible para recompilar toda a información e documentación necesaria, e poder dar resposta á demanda.
Condicións
– Trátase dun servizo gratuíto e confidencial, que está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través das subvencións para o fomento do emprego dos programas de cooperación no ámbito da colaboración coas entidades sen ánimo de lucro.
– Este servizo préstase de forma coordinada con Confederación ASPACE. Tódalas consultas xurídicas das persoas vinculadas ás entidades de Galicia terán unha primeira atención polo servizo xurídico de Federación ASPACE Galicia para a súa resolución no menor tempo posible. Nos casos nos que se considere necesario, poderase traballar de xeito coordinado ou realizar unha derivación ao servizo de asesoramento legal de Confederación ASPACE.
Máis información sobre o Servizo de Asesoramento Legal