O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas acaba de convocar un proceso selectivo destinado a persoas cunha discapacidade intelectual igual ou superior ao 33% 

O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas vén de convocar un proceso selectivo co obxectivo de incorporar persoal fixo na Administración do Estado, en modalidade de Axudante de Xestión e Servizos Comúns (Ordenanza). Dita convocatoria, publicada no BOE do pasado día 18 de decembro, está destinada a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual igual ou superior ao 33 por cento.

Do total das 70 prazas ofertadas en toda España, seis resérvanse para a comunidade galega: 1 para Coruña, 1 para Lugo, 2 para Ourense, 1 para Pontevedra e 1 para Marín.

Co obxectivo de informar, orientar e instruír para estas oposicións, ASPACE- Galicia iniciou a formación específica mediante unhas clases de preparación. Actualmente, o grupo está formado por un total de 17 persoas con parálise cerebral (5 de Pontevedra, 8 de Vigo e 4 da Coruña). O servizo permanece aberto a todos os usuarios do Programa de Emprego e Formación da Federación, así como a todas aquelas persoas con parálise cerebral que estean interesadas en recibir esta formación, polo que o grupo pode aumentar.

A acción desenvólvese en modalidade semipresencial. As clases presenciais teñen como obxectivo reforzar os conceptos que os mozos/as adquiren en casa, realizar simulacros de exames, ademais de resolver posibles dúbidas. As sesións teñen lugar en APAMP en Vigo, Amencer-ASPACE en Pontevedra e ASPACE- Coruña en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas.

Este é o primeiro ano no que Federación ASPACE- Galicia ofrece este tipo de formación específica, incluída dentro do seu programa de emprego, en resposta á demanda detectada o pasado ano no que un total de 7 persoas integradas no Programa de Emprego requiriron e recibiron orientación e formación para presentarse á realización destas probas.

Para máis información sobre esta acción formativa, os/as interesados/as poden poñerse en contacto co Servizo de Orientación e Emprego de ASPACE- Galicia no 986.879.967 ou a través do correo electrónico: orientacion@aspacegalicia.org

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp