Federación ASPACE Galicia, e o resto de entidades integrantes do CERMI Galicia, reúnense con representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta reafirmando a súa vontade de seguir traballando conxuntamente para potenciar a inserción laboral das persoas con discapacidade na comunidade
A xornada ‘O Impulso da inserción laboral de persoas con discapacidade en Galicia’, organizada polo CERMI Galicia, contou coa participación de representantes políticos e do movemento asociativo da discapacidade autonómico coa finalidade de intercambiar ideas para avanzar na inclusión laboral das persoas con discapacidade, así como fomentar e dar a coñecer as demandas comúns sobre emprego do sector da discapacidade.
En representación de Federación ASPACE GALICIA participaronno encuentro Ángeles Lema Oróns, orientadora do Programa de Emprego e Formación da entidade e Ignacio Pérez Figueroa, xerente da Federación. Nas súas aportacións trasladaron a heteroxeneidade do colectivo das persoas con parálise cerebral e a necesidade de traballar de xeito individualizado, aportando os apoios necesarios para fomentar a inserción, a formación e a autonomía no posto de traballo.
Durante o encontro, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, indicou como “clave” a integración laboral para “lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade” en Galicia e a traxectoria do Comité en defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.
Pola súa banda, CERMI Galicia expuxo ‘As realidades da inclusión laboral das persoas con discapacidade en Galicia’ desde o punto de vista dos técnicos que forman parte das entidades membro. Tras un debate entre asistentes, participantes e o equipo da Secretaría Xeral do Emprego, o presidente do CERMI Galicia sintetizou as principais demandas das diferentes entidades integradas no Comité para alcanzar a inclusión laboral das persoas con discapacidade con itinerarios personalizados e campañas de sensibilización ás pequenas e medianas empresas.
Para pechar a xornada, o conselleiro Francisco Conde puxo en valor que “Galicia é a comunidade que tivo un maior volume de contratación de persoas con discapacidade nos últimos anos, cun crecemento do 75%, ata situala en 25.100 empregados”, aínda que defendeu que “hai que seguir traballando nesta área”.