O grupo formado por Chon, Jorge e Idoia; e o grupo formado por Suso e Laura pasan á gran final
As instalacións de ASPACE Coruña en Sada acolleron esta mañá a terceira semifinal do IV Concurso de Cociña “en ASPACE cociñamos xuntos”. Un total de 8 grupos formados por unha persoa con parálise cerebral membro da nosa asociación ASPACE Coruña acompañados dun familiar ou profesional da entidade prepararon as súas receitas centrándose nun prato elaborado con hamburguesa.
O grupo formado por Chon, Jorge e Idoia gañaron a semifinal na categoría de formato tradicional co seu prato “Serendipia” mentres que, o grupo formado por Suso e Laura gañaron a semifinal na categoría de triturado/texturado co seu prato “Hamburguesa Tel Aviv”; pasando á gran final que terá lugar en Santiago de Compostela. Unha final moi rifada entre as mellores propostas de cada unha das tres semifinais.
No certame os participantes presentaron propostas gastronómicas de gran nivel, contando como novidade a competición en dúas categorías: formato tradicional e formato triturado/texturado. O xurado estivo formado por Javier Rodríguez Ponte “Taky”, Xefe de Cociña en Catering Boketé e membro do Grupo Nove Cociñeiros, Tino Otero Abellon, chef do Aula de Cociña de Porto-Muiños e membro de Coruña Cociña e Luis Vidal Estévez López – nutricionista de Federación ASPACE Galicia.
Os gañadores da semifinal foron obsequiados cun lote de produtos gourmet por cortesía das empresas colaboradoras do IV Concurso de Cociña: Aceites Abril, Anfaco Cecopesca, Casal Coton, Gadis, Galifresh, Hifas da Terra Fundación, Mel de Galicia, O Submarino Alta Conserva e Porto Muiños, entregados por Sonia Ruiz Vargas (Xerente de ASPACE Coruña) e Eulogio López Río (Presidente de Federación ASPACE-Galicia). Mentres que o xurado recibiu un agasallo elaborado nos talleres artesanais da propia asociación.