Abordáronse cuestións en material de educación, saúde, emprego ou accesibilidade, entre outras
ASPACE- Galicia, como membro do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI- Galicia), estivo presente nas reunións convocadas, durante estas semanas, polas principais formacións políticas que concorren ás eleccións autonómicas fixadas para o próximo 25 de setembro.
Desta forma, ASPACE- Galicia súmase ás reivindicacións e demandas do CERMI Galicia que foron trasladadas ás principais forzas políticas para a próxima lexislatura e entre as que se atopan cuestións relacionadas con educación, saúde, emprego ou accesibilidade, entre outras.
Durante as reunións celebradas, e nas que estiveron presentes os representantes dos principais colectivos da Discapacidade en Galicia, abordáronse as cuestións que máis preocupan ás persoas con discapacidade e as súas familias, co fin de mellorar a súa calidade de vida, a inclusión social e a equidade no exercicio de todos os dereitos.
A xuízo de CERMI Galicia, é fundamental seguir impulsando medidas que sirvan para mellorar a inserción laboral das persoas con discapacidade, dotar de recursos de apoio ao sistema educativo para a inclusión, reforzar as políticas de atención ás persoas en situación de dependencia, o impulso á tan desexada Lei Estatal de Propiedade Horizontal, a revisión dos copagos, a eliminación de barreiras arquitectónicas, e prestar unha maior atención ás persoas con discapacidade nas zonas rurais, a constitución dunha Comisión permanente relativa á Discapacidade no Parlamento de Galicia ou as necesarias melloras no transporte adaptado, entre outras cuestións.
Podedes consultar as principais reivindicacións do CERMI- Galicia aquí.