Eulogio López, presidente da entidade, fixo un percorrido pola historia do colectivo na nosa comunidade autónoma, ademais de expor as grandes demandas do movemento social das persoas con parálise cerebral neste Ano Galego da Parálise Cerebral.

Está mañá os membros da comisión non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade coñeceron de man de Eulogio López, presidente da Federación Galega de Parálise Cerebral (ASPACE-Galicia), a situación actual da atención a este colectivo na nosa comunidade autónoma.

A intervención forma parte da rolda de contacto que dita comisión está mantendo con representantes de asociacións de discapacidade de Galicia, co obxectivo de traballar en políticas encamiñadas a integración social das persoas con diversidade funcional.

Durante a súa comparecencia, Eulogio López fixo un percorrido polo movemento ASPACE en Galicia, facendo fincapé nos máis de 30 anos de experiencia en atención ás persoas con parálise cerebral e ás súas familias. Afondou nas carencias do sistema sanitario para dar resposta ás persoas afectadas en canto a material adaptado nos centros de saúde que cubra as necesidades reais de cada paciente. Tampouco quixo deixar de lado o efecto negativo que o copago provoca na economía e calidade de vida das persoas con parálise cerebral, os centros e as súas familias.

A accesibilidade nos espazos públicos e o transporte centrou unha parte da súa intervención. “A ausencia de accesibilidade é unha discriminación encuberta” afirmou. Non se deseñan entornos, edificios ou dispositivos co fin de excluír ás persoas, pero se non se ten en conta o efecto e xustamente ese, que moitas persoas quedan fora da vida social normalizada, do acceso a produtos e servizos de uso común, como é a vivenda, porque non poden facer uso ou acceder ós mesmos por mor da súa discapacidade.

Garantir o dereito á educación das persoas con parálise cerebral foi outro dos temas centrais. Eulogio López expuxo que “sobre todo cando estas teñen grandes necesidades de apoio, non é unha tarefa sinxela. A educación das persoas con discapacidade é moito mais ca unha cuestión técnica, é un reto social no que entran en xogo actitudes, prexuízos, estereotipos e expectativas case sempre minguadas”.
Así mesmo, o presidente de ASPACE-Galicia fixo un chamamento ás administracións públicas para que se conte co noso colectivo, se informe e se acorde a redacción dos pregos de condicións técnicas e administrativas dos contratos que no futuro saían á licitación pública.

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp