Ata o 4 de xuño poderá solicitarse algunha das 185 prazas ofertadas en diferentes espazos da comunidade

A Xunta de Galicia vén de lanzar o seu programa de campamentos de verán 2021 destinados a persoas con discapacidade, que terán lugar en xullo, agosto e setembro deste ano. Ábrese, por tanto, e ata o 4 de xuño incluido, o prazo para solicitar algunha das ata 185 prazas dispoñibles en espazos como o Albergue Xuvenil Gandarío de Bergondo (A Coruña), a Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán (Pontevedra)  e a Residencia de Tempo Libre de Carballiño (Ourense).

Os campamentos están dirixidos a persoas de 11 a 45 anos con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% e que presenten calquera tipo de limitación e/ou necesidade especial. Desenvolveranse ao longo de dez días e teñen como obxectivo ofrecer “unha experiencia socializadora e de convivencia, nun espazo lúdico, humano, integrador, formativo e seguro, mediante o desenvolvemento de actividades dirixidas ao fomento de habilidades sociais, ao contacto coa natureza e o mar, e ao coñecemento da propia cultura e da educación para a saúde”.

O custo da iniciativa é de 125 euros por praza e inclúe servizos como o aloxamento,  manutención en réxime de pensión completa, programa de actividades de animación sociocultural con material incluído, un equipo técnico de persoal especializado en cada unha das actividades e atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

Ademais da idade e a discapacidade recoñecida, as personas interesadas deberán reunir os seguintes requisitos:

– Estar empadroadas nalgún concello de Galicia.

– Non padecer ningunha enfermidade infecciosa con risco de contaxio.

– Non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade.

– Ter unha capacidade mínima de comunicación e de participación nas actividades que se van desenvolver.

– Contar cunha mobilidade acorde coas características da instalación que se solicita.

O programa establece diferentes fechas de celebración dos campamentos segundo a franxa de idade e o lugar de destino. Para consultar a oferta detallada e as condicións da misma, así como a normativa COVID-19 e a documentación e información necesarias para realizar a solicitude (tamén en “Documentos de interese”), preme nesta ligazón.

Documentos de interese:

Folleto da convocatoria

Convocatoria lectura fácil

Formulario de solicitude

Informe médico

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp