O servizo de apoio ás asociacións de Federación ASPACE-Galicia ofrece, ás entidades membro, servizos ou profesionais, complementarios aos xa existentes nestas, co fin de ofrecer novas oportunidades ás persoas con Parálise Cerebral, a través do deseño,  xestión e prestación de servizos alternativos e innovadores.

Representatividade e incidencia política

Federación ASPACE-Galicia representa ao colectivo das persoas con Parálise Cerebral, e ás asociacións membro, ante a sociedade e as administracións públicas, na defensa dos seus dereitos e reivindicacións.

Somos conscientes de que a unión de todo o colectivo,  na reivindicación das súas necesidades e demandas, dótaas de maior forza e repercusión.

Estudos e investigación

Como entidade que aglutina ao colectivo das persoas con Parálise Cerebral en Galicia, Federación ASPACE-Galicia, asume como unha das súas razóns de ser, avanzar no estudo e investigación da realidade do noso colectivo de atención.

Por iso, nos últimos, puxemos en marcha diferentes iniciativas encamiñadas a mellorar o coñecemento do colectivo. Entre elas podemos destacar as seguintes:

  • Catálogo de axudas técnicas e de productos de apoio para persoas con Parálise Cerebral. Esta iniciativa está a realizarse contando coa colaboración da Consellería de Política Social.
  • Censo de persoas con Parálise cerebral en Galicia e distribución xeográfica das mesmas. Análise dos recursos cos que contan na súa contorna.

 

Novas tecnoloxías (TIC), sistemas alternativos e aumentativos de comunicación

 

As novas tecnoloxías e os sistemas alternativos e aumentativos de comunicación están a supoñer unha verdadeira revolución para favorecer a autonomía e a autodeterminación das persoas con Parálise Cerebral.

É por iso, que Federación ASPACE-Galicia, puxo en marcha en decembro de 2014 un servizo de apoio e asesoramento ás asociacións membro, ás familias e ás persoas con Parálise Cerebral, para facilitar a implantación e desenvolvemento de aplicacións informáticas e apps que melloren a comunicación, que axuden ao acceso a internet…

 

 

 

Formación a directivos e profesionais das asociacións

Os profesionais e directivos de todas as entidades que conforman Federación ASPACE-Galicia contan con necesidades formativas, retos e obxectivos comúns.  É por iso que, encargámonos de facer unha detección das mesmas e organizar actividades formativas, de reflexión ou para compartir boas prácticas entre os profesionais das diferentes entidades.

Entre as últimas accións realizadas destacamos as seguintes:

  • Curso Novidades da ISO 9001:2008.
  • Reunión para avaliar o traballo da Federación ASPACE-Galicia e definir as liñas de traballo prioritarias.
  • Xornada sobre Disfaxia: deglución segura e eficaz (Método Smoothfood).
  • Proxecto TALENTO ASPACE: grupo de traballo entre profesionais de diferentes entidades ASPACE para compartir boas prácticas e coñecementos en canto aos modelos de intervención con persoas con Parálise Cerebral (Planificación centrada na persoa, Autodeterminación, etc). Este proxecto conta co apoio de Confederación ASPACE.

Contratación de persoal de apoio para as asociacións membro

Apoiamos a contratación de persoal complementario e de apoio para as asociacións membro da Federación.