Ata a aprobación por unanimidade da reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral ( LOREG) no Congreso dos Deputados o pasado 10 de outubro e a súa posterior publicación no BOE o día 6 de decembro de 2018, eran centos de miles as persoas con discapacidade que aínda vían vulnerada a súa condición de cidadáns de pleno dereito ao voto. A partir dese momento quedaba derrogado o seu atículo 3 que permitía retirar o dereito ao voto a todos aqueles que, por sentenza xudicial, fosen incapacitados de tal maneira que se considerase que non estaban en condicións de exercelo.

Ata entón, uns 100.000 electores, habitaban nun limbo político e electoral que lles impedía exercer o seu dereito debido a unha anomalía xurídica xa que España ratificara o Pacto dos Dereitos Civís e Políticos e a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU.

Na devandita Convención, no primeiro dos apartados do seu artigo 29, explicitaba que os Estados deben “asegurar que as persoas con discapacidade poidan participar plena e efectivamente na vida política e pública en igualdade de condicións coas demais, directamente ou a través de representantes libremente elixidos, incluídos o dereito e a posibilidade das persoas con discapacidade a votar e ser elixidas”. E especifica que, ademais, exista “a garantía de que os procedementos, instalacións e materiais electorais sexan adecuados, accesibles e fáciles de entender e utilizar”.

A partir de agora España convértese no oitavo país da Unión Europea que non aplica restricións por razón de discapacidade á hora de votar xunto con Austria, Croacia, Holanda, Italia, Letonia, Suecia e Reino Unido que suprimiron antes esta barreira que impedía votar a unha parte dos seus cidadáns.

Chegados a este punto, desde ASPACE Galicia queremos salientar a necesidade de que sexan os homes e as mulleres con parálise cerebral quen exerza o seu dereito ao voto e por iso facilitamos ao final deste artigo unhas instrucións básicas relativas ao procedemento, así como, os programas dos principais partidos políticos en formato de lectura fácil.

Con todo iso, esperamos que sexan os homes e as mulleres con parálise cerebral quen exerza en nome propio este dereito, en sintonía, ademais, coa filosofía de traballo de respecto e empoderamiento de todas as persoas con parálise cerebral.

Instrucións básicas de Dereito ao Voto

Comparte esta noticia en tus Redes Sociales
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
Linkedin
Share on whatsapp
Whatsapp