APAMP Vigo e Amencer- ASPACE álzanse coa vitoria na Gran Final do noso V Concurso de Cociña

Nacho e Marta co seu prato titulado “Revolto de afumados con aires de Val Miñor” resultaron vencedores na categoría tradicional mentres que Esteban, David e Bego conseguírono na categoría de triturado/ texturizado coa súa receita “Xuntos, pero non revoltos”.

Ganador V Concurso Cocina

Ganador V Concurso Cocina

Cunha enorme afluencia de público e 6 grupos participantes (vencedores das tres semifinais organizadas en cada unha das nosas entidades federadas Amencer-AspaceAPAMP Vigo e ASPACE Coruña) desenvolveuse esta mañá a competición para elixir o mellor revolto ASPACE.

Con esta actividade, na que se pretende fomentar a creatividade, autonomía e responsabilidade das persoas con parálise cerebral, búscase non só visibilizar as súas capacidades senón tamén promover a realización de actividades conxuntas que reforcen o vínculo afectivo entre os participantes e as súas familias.

Este ano, co revolto como protagonista principal, elaboráronse pratos de enorme complexidade e elevouse de novo o nivel gastronómico das propostas. Ademais contamos cun xurado de excepción: Pepe Solla, do restaurante Solla, exerceu de mestre de cerimonias dando o pistoletazo de saída ao cociñado mentres que Rafa Centeo, do Restaurante Maruja Limón; Marco e Ana do Blogue A Cociña É Vida e Yolanda Agra da Federación Provincial de Hostaleiros de Pontevedra tiveron o duro labor de valorar as receitas para poder escoller ao gañador.

Nacho e Marta, de APAMP, co seu prato titulado “Revolto de afumados con aires de Val Miñor” resultaron vencedores na categoría tradicional mentres que Esteban, David e Bego, de Amencer-ASPACE, conseguírono na categoría de triturado/ texturizado coa súa receita “Xuntos, pero non revoltos”.

Todos os grupos foron obsequiados cunha cesta de produtos cortesía das nosas empresas colaboradoras: Aceites Abril, Anfaco Cecopesca, O Submarino Alta Conserva, Porto Muiños, Gadis, Galifresh, Produtores de Galicia, Grupo Nove cociñeiros, Lago Alimentación e Centro Comercial Gran Vía de Vigo.

Un ano máis non podemos despedir o concurso sen agradecer a implicación de todos os participantes, as súas familias, os profesionais e todas as persoas que forman a Familia ASPACE e que fan, que cada ano, o noso Concurso de Cociña sexa un gran éxito.  Felicitar tamén a todos os participantes polo seu tesón e esforzo. Desde Federación ASPACE-Galicia estámosvos moi agradecidos: participantes, xurado, empresas colaboradoras, profesionais e familias… Sen vós/ as nada sería posible!