Representantes dos grupos de TALENTO ASPACE, coordinados por ASPACE GALICIA, presentan o seu traballo en Madrid

Trátase do Encontro Anual, que se celebra todos os anos en Madrid, para que cada grupo poida expoñer e compartir os seus resultados e conclusións.

Participantes en el Encuentro de TALENTO ASPACE de´ASPACE GALICIA. Organizado por Confederación ASPACE

 

O 17 e 18 de outubro celébrase en Madrid o Encontro Anual dos grupos de TALENTO ASPACE. TALENTO ASPACE é un programa da Confederación ASPACE a través do cal se xeran grupos de traballo entre profesionais de diferentes entidades ASPACE de toda España, para identificar e compartir boas prácticas na intervención diaria e definir estratexias ou protocolos de intervención comúns. Este proxecto conta co financiamento da Fundación ONCE.

A Federación ASPACE GALICIA coordina este ano 5 grupos do Programa. Representantes destes 5 grupos expuxeron no Encontro que se celebra en Madrid os resultados e conclusións do traballo realizado ao longo de todo o ano. En concreto, presentaron a seguinte documentación:

  1. Grupo de Envellecemento en persoas con parálise cerebral: Neste grupo participan representantes de ASPACE CORUÑA, APAMP, ASPACE BALEARES, APACEBA e UPACE SAN FERNANDO. Durante todo o ano traballaron en analizar como é o proceso de envellecemento en persoas con parálise cerebral e como cambian as necesidades e motivacións das persoas. Ademas elaboraron unha ferramenta, baseada na CIF para valorar o proceso de envellecemento, de forma obxectiva.
  2. Grupo de Sexualidade e Afectividade: Neste grupo participan representantes de ASPACE CORUÑA, AMENCER ASPACE, APAMP e APCA ALACANTE. Durante este ano traballaron na definición dun Modelo Conceptual e nunha ferramenta para valorar o tratamento da intimidade nas entidades ASPACE.
  3. Grupo de Alimentación e Deglución: Neste grupo participan representantes de ASPACE CORUÑA, AMENCER ASPACE, APAMP e APCA ALACANTE. Centraron o seu traballo todo este ano na definición dun protocolo para valorar a alimentación en persoas con parálise cerebral, con ou sen disfagia. Unha ferramenta que permita definir en función dos resultados as pautas individuais a traballar con cada persoa con parálise cerebral.
  4. Grupo de Modelos de Atención: Neste grupo participan representantes de ASPACE CORUÑA, ASPACE LUGO, APAMP e APCA ALACANTE. Traballaron na creación dunha pílula formativa sobre o que calquera persoa debe saber sobre as persoas con Parálise Cerebral cando se incorpora a unha entidade ASPACE.
  5. Grupo de Participación de persoas con parálise cerebral e grandes necesidades de apoio. Neste grupo participan representantes de ASPACE CORUÑA, AMENCER ASPACE, APAMP e APCA ALACANTE. Durante o ano traballaron na definición dunha guía de actuación de cuestións a ter en conta para favorecer a participación das personas con parálise cerebral con grandes necesidades de apoio.