Finalizan as sesións da nosa formación “Alimentación segura e eficaz en persoas con parálise cerebral”

A última sesión da formación, realizada en colaboración coa Escola Galega de Saúde para cidadáns, tivo lugar en Pontevedra.

 

 

O pasado día 26 de marzo as instalacións de Amencer ASPACE abriron as súas portas á sétima e última sesión do ciclo formativo “Alimentación segura e eficaz en persoas con parálise cerebral”.

Con cheo absoluto en varios dos seus emprazamentos, esta formación recibiu unha gran acollida en todas as cidades nas que se impartiu (Vigo, Sada – A Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo), demostrando o crecente interese por abordar máis profundamente a problemática da alimentación en persoas con parálise cerebral.

Dificultades de deglución ou disfagia afectan a unha elevada porcentaxe de persoas pertencentes a este colectivo, o que limita a introdución de sabores así como carrexa dificultades respiratorias, dixestivas, físicas e psicolóxicas. É por iso que desde as entidades que conforman ASPACE-Galicia desenvolvéronse, xa desde hai un tempo, experiencias no uso de alimentos texturizados que permitan mellorar a seguridade e eficacia da alimentación.

O resultado de toda esa experiencia é o que se transmitiu aos asistentes a estas xornadas, sen deixar de lado aspectos nutricionais, posturales ou relativos á hixiene. De man de profesionais das entidades que conforman ASPACE-Galicia, un total de 215 alumnos, recibiron conceptos crave, pautas e ferramentas para conseguir converter a alimentación nun momento de gozar para todos.

Finalizada a formación non podemos deixar de agradecer a todos os asistentes o seu gran interese e aos nosos profesionais a dedicación e tempo empregados nestas xornadas…

Xuntos #SomosASPACE.