Comezo en ASPACE-Coruña da  acción formativa “Auxiliar de Conserxe” financiada pola Asociación Inserta Empleo.

Trátase dunha formación de 180 h. financiada pola Asociación Inserta Empleo.

11 serán os alumnos e alumnas con parálise cerebral da asociación que participarán nestas xornadas.

Hoxe mesmo comeza nas instalacións de ASPACE-Coruña o curso de “Auxiliar de conserxe”, unha acción formativa financiada pola Asociación Inserta Empleo, cunha carga lectiva de 180 horas, e na que participarán un total de 11 alumnos e alumnas con parálise cerebral da asociación.

Con esta acción formativa, pretendemos dotar aos alumnos e alumnas dos coñecementos técnicos e as competencias profesionais necesarias para que desempeñen correctamente as funcións propias dun ordenanza/conserxe e mellorar así as súas posibilidades de inserción laboral e social.

A acción formativa é unha das accións do Programa de Emprego e Formación que, dende 2006, leva a cabo a Federación ASPACE-Galicia. O obxectivo do mesmo é a integración sociolaboral das persoas con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns no mercado laboral ordinario.

O programa formativo está centrado no enfoque do “learning by doing” (aprender facendo), que se concreta na realización de exercicios prácticos, dinámicas nas aulas e acercamento dos contidos teóricos. A través de problemas e retos definidos polo docente, os alumnos e alumnas aprenden a resolvelos e a atopar a información precisa para facelo. Así, identifican por unha banda o que xa saben e, por outra, o que necesitan saber, adquirindo o coñecemento dun xeito activo.

A formación terá unha duración de tres meses dende xaneiro a abril de 2019.