ASPACE-Galicia ‘mirou de fronte’ no Día Mundial da Parálise Cerebral

ASPACE-Galicia invita á cidadanía a ‘mirar de fronte’ ás persoas con parálise cerebral para visibilizar e reivindicar a súa sexualidade, afectividade e intimidade.

Federación ASPACE-Galicia e a súas entidades membro (Amencer-ASPACE, APAMP Vigo, ASPACE Coruña e ASPACE-Lugo) festexamos o Día Mundial da Parálise Cerebral 2018, que se conmemora o próximo 6 de outubro, saíndo a rúa e convidando á cidadanía a ‘mirar de fronte’ ás persoas con parálise cerebral para visibilizar e reivindicar a súa sexualidade, afectividade e intimidade.

A campaña ‘Non mires a outro lado’, posta en marcha por Confederación ASPACE, procura ampliar o concepto de sexualidade e lexitimar a desnudez das persoas con parálise cerebral. A campaña destaca tamén o dereito á intimidade das persoas con grandes necesidades de apoio para que poidan construír a súa forma de expresar emocións e vivir unha vida plena como calquera outra persoa.

O eixo central da campaña é unha canción de trap (estilo preto ó rap) composta polo grupo de hip hop ‘Ravioli Makers’ coa que se gravou un videoclip e un spot, ademais de crear diversos materiais para redes sociais, con mensaxes reivindicativas para eliminar ideas preconcibidas e concienciar á poboación sobre a importancia de normalizar a sexualidade e afectividade en parálise cerebral. A letra da canción baseouse nun traballo orixinal de Gaspar Pablo Tomás, sexólogo especialista en discapacidade.

As entidades membro de ASPACE-Galicia organizaron no día de onte diversas actividades e iniciativas nas cidades galegas onde teñen as súas sedes para sumarse á campaña do Movemento ASPACE. A acción principal en todas elas foi a representación dun flashmob coa canción de trap ademais da lectura dun manifesto, e grazas ó hashtag #MiraDeFrente conseguiuse ser Trending Topic en Twitter durante a maior parte da xornada. ¡Grazas!

Representantes da política galega, de outras entidades sociais de Galicia e da propia Federación acompañaron e participaron dos actos; en unha xornada para mostrar á sociedade que a sexualidade pode ser de tantas formas coma persoas hai.

Temos tamén que destacar a presenza da Conselleira de Política Social Fabiola García Martínez, quen mostrou o seu apoio ó colectivo nos actos organizados por ASPACE Coruña na Laguna de Mera (Concello de Oleiros) e na que declarou que a Xunta de Galicia súmase á demanda que se recolle no manifesto e nas súas propias palabras apuntou “Queremos unha Galicia para todos, sen exclusións nin barreiras”. Asistiu tamén ó acto o Alcalde do Concello de Oleiros, Ángel García Seoane.

Ós actos organizados por Amencer-Aspace na Praza da Peregrina en Pontevedra acudiron as deputadas Chelo Besada Lores e Digna Rivas Gómez; e a propia Digna resaltou o servizo esencial que a nosa asociación presta na provincia. APAMP Vigo, no acto celebrado no Museo MARCO-Rúa do Príncipe, contou a su vez coa presenza de varios membros da corporativa local. E por último, a concellala de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, Ana Gonzáez Abelleira, acompañou a ASPACE-Lugo.