A Xunta Directiva de Federación ASPACE-Galicia reúnese co Conselleiro de Política Social

A Xunta Directiva de Federación ASPACE-Galicia foi recibida onte polo Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e pola Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, María Amparo González Méndez. ASPACE-Galicia trasladoulle as necesidades e urxencias do colectivo das persoas con parálise cerebral prioritarias para este ano.

Entre as cuestións a tratar atópanse:

  • A necesidade de ampliar as prazas de atención de día e residencial, específicas para persoas con parálise cerebral, nas diferentes asociacións que forman parte de Federación.
  • A importancia de buscar novos mecanismos de financiación para o transporte porta a porta, que as asociacións de Federación realizan a diario para trasladar aos usuarios das súas casas ao centro e viceversa. Este servizo de transporte presenta unha serie de aspectos diferenciais que aumenta considerablemente o seu coste.
  • Recibir información actualizada sobre o estado de aspectos de gran interese para o colectivo, actualmente en proceso de revisión, como a xestión do 0,7% do IRPF, que a partires do 2017 será xestionado nun porcentaxe elevado polas comunidades autónomas, ou a aplicación do copago.

Federación ASPACE-Galicia trasladoulle ao Conselleiro de Política Social, o agradecemento pola cesión da administración autonómica dun novo local para ASPACE Lugo, asociación membro da Federación.