Aberto o prazo para solicitar as axudas individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e de asistencia persoal para persoas con discapacidade

Pola Orde do 30 de marzo de 2017 establécense as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 71 do 11 de abril de 2017).

O prazo de presentación está aberto ata o 11 de maio para persoas con discapacidade empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e de carácter non periódico. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia sede.xunta.gal. Para maior información acerca da documentación e a presentación das solicitudes, acuda á comunicación que a Xunta de Galicia detalla na súa páxina oficial.

Unicamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2017. Para máis información, pode consultar o resumo da Orden do 30 de marzo de 2017. En canto a dudas técnicas, o servizo de atención cidadá dispón do número de teléfono 012 e o enderezo electrónico 012@xunta.es