Máis de 680.000 persoas en Galicia marcaron a “X Solidaria” na declaración da renda do 2016

O 5 de abril iniciouse a campaña da renda, con este motivo as entidades sociais galegas presentaron os datos de participación e recadación que se obtuveron no pasado exercicio da “X Solidaria”. En total, 687.043 persoas en Galicia marcaron o cadro de “Actividades de Interese Social”, de maneira exclusiva ou de forma conxunta co recadro da Igrexia. Na provincia de A Coruña rexistráronse 289.590 persoas que marcaron este cadro, a continuación, 129.061 (Pontevedra); 99.335 (Vigo); 88.124 (Lugo) e 80.933 (Ourense).

No pasado ano, en Galicia marcaron en exclusiva a opción da Igrexa 144.133 persoas, 56.800 (A Coruña); 23.972 (Pontevedra); 22.027 (Lugo); 21.623 (Ourense) e 19.711 (Vigo). Por outra banda, non marcaron ningún recadro 416.104 persoas, 184.499 en A Coruña; 87.670 (Pontevedra); 52.207 (Vigo); 49.545 (Lugo) e 42.183 (Ourense).

Desde a campaña da “X Solidaria” se insiste na mensaxe de que marcando o cadro de “Actividades de Interese Social” conséguese que un 0,7% dos impostos se dediquen a fins sociais (discapacidade, inclusión social, mulleres infancia, cooperación…) Non se trata dun pagamento a maiores, senón de decidir a que se dedica esa porcentaxe dos impostos abonados. Nin se paga máis, nin a devolución é menor. Se a persoa marca ademais deste recadro, a casiña da Igrexa non se reparte ese 0,7% entre as dúas eleccións, senón que esa porcentaxe é a mesma para cada un deles, polo tanto, marcando os dous cadros destínase un 1,4% dos teus impostos a estes fins. En caso de non marcar ningún recadro, será o Estado quen decida o que se fai con ese 0,7%.

En 2016, a “X Solidaria” financiou proxectos desenvolvidos por entidades sociais como ASPACE (parálise cerebral), FADEMGA (discapacidade), FEAFES (saúde mental), FEGADACE (dano cerebral adquirido), FAGAL (Alzhéimer), Meniños (infancia), FAXPG (persoas xordas), Autismo Galicia, Secretariado Xitano e Down Galicia.